Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Os hostaleiros de Vimianzo coñeceron a oferta de turismo gastronómico de Arousa

Os hostaleiros de Vimianzo coñeceron a oferta de turismo gastronómico de Arousa
Hostaleiros de Vimianzo en Arousa co proxecto Do Mar a Terra

Este luns 23 de outubro, un grupo de hostaleiros do concello de Vimianzo achegáronse a Riveira para coñecer en persoa o proxecto de turismo gastronómico da mancomunidade “Arousa Norte”.
Raúl Andrés e María Dolores Mayo da Casa Rural Restaurante O Retiro de Barboles, Obdulia Lema do restaurante O Castillo e Eva Sampedro da Panadería Pastelería Sampedro fixeron a Ruta do Mexillón e puideron degustar o menú bateeiro, un exemplo práctico similar ao que eles mesmos levarán a cabo nos seus negocios no marco do proxecto “Do mar á terra”. Un xeito de coñecer de primeira man propostas atractivas para dinamizar o noso sector servíndose do sempre produtivo intercambio de experiencias.

Dende o porto de Aguiño, e coa empresa Mar Aguiño, saíron a coñecer entre bateas o traballo dos mariscadores que se adican á extracción do mexillón. É a chamada Ruta do Mexillón, na que os propios promotores e implicados explicaron en qué consiste o seu traballo, así como as problemáticas que poden atoparse. Esta viaxe, de dúas horas e media de duración, completouse coa visita á Illa de Sálvora, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A visita guiada compleméntase cos menús ofrecidos polos establecementos hostaleiros involucrados na iniciativa. O obxectivo é poñer en valor os mexillóns da ría de Arousa. Nesta ocasión, no Restaurante Jenaro de Riveira, os empresarios vimianceses puideron degustar o menú bateeiro da casa, que consiste nuns mexillóns en salsa como primeiro prato, abadexo con patacas de segundo, e finalmente unha selección de tres postres caseiros.

Ao rematar a comida, Jenaro Fernández, quen rexenta o restaurante, compartiu a súa experiencia e deulles algún consellos aos empresarios, como a necesidade de pensar sempre no cliente ademais de ofrecer unha carta de comida vendible no momento actual. Ao mesmo tempo, concienciou aos hostaleiros de que os resultados adóitanse ver a medio e longo prazo e da importancia do traballo en rede para ir mellorando os aspectos negativos.

Hostaleiros de Vimianzo en Arousa co proxecto Do Mar a Terra

Ideas

Do traballo en rede e da importancia da mancomunidade Arousa Norte tamén falou a xerente da mesma, Fátima Rodríguez. Ela compartiu diferentes estratexias comerciais que funcionaron no seu proxecto turístico, como por exemplo a creación duns bonos de degustación de restaurantes e casas rurais. Así mesmo, animou aos hostaleiros a primar as boas explicacións dos seus propios menús, posto que se trata dun gran valor engadido que o cliente valora moi positivamente.

Máis actividades formativas

As actividades formativas continúan hoxe martes. A partir das 18.00 horas, no restaurante Casa Pastoriza, os doce empresarios que participan no programa traballarán xunto co chef Miguel Silvaredonda nos que serán para moitos os seus menús castrexo e medieval finais, e que poderán degustar os visitantes a Vimianzo.

Por outra parte, mañá mércores 25 de setembro terá lugar o curso “Atención ao cliente”, no que unha metre e mestra de protocolo dará aos asistentes as claves básicas da atención ao comensal ou visitantes, como colocar as mesas nun restaurantes, a correcta toma de comandas, etc. Será no restaurante Casa Sabina ás 17.00 horas.

Novas relacionadas

Comentarios