Luns. 09.09.2024
El tiempo

Os propietarios de monumentos megalíticos vimianceses coñeceron de primeira man a Lei de Patrimonio

Os propietarios de monumentos megalíticos vimianceses coñeceron de primeira man a Lei de Patrimonio
Propietarios de monumentos megaliticos de Vimianzo

Este pasado venres tivo lugar a segunda xuntanza cos propietarios de monumentos megalíticos vimianceses. Unhas sesións que están servindo para que os propietarios destes Bens de Interese Cultural poidan coñecer con detalle as obrigas que teñen polo feito de que na súa propiedade haxa un monumento megalítico.

Máis de medio cento de persoas participaron nesta segunda xuntanza, para escoitar as verbas de Iñaki Vilaseco, arqueólogo da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que debullou os aspectos relacionados coa Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia. Tamén se falou dos permisos que se deberán pedir se quixeran facer algún aproveitamento das fincas e da maneira de tramitalos.

5 BICs

O Concello de Vimianzo conta con 5 dólmenes catalogados como BIC, é dicir que teñen os niveis máis altos de protección: A Pedra da Lebre (Serramo), Pedra da Arca (Baíñas), A Casota de Freáns (Berdoias), Pedra Cuberta e Pena Moura (Treos).

Antelo, volveu a expresar a intención do Goberno do Concello de Vimianzo de facerse coa propiedade dos dólmenes máis importantes, sempre de acordo cos propietarios e utilizando a fórmula xurídica que mellor se adapte aos intereses tanto dos propietarios coma do Concello.

A vindeira actividade destinada a propietarios e propietarias de dólmenes é unha excursión ao dolmen de Dombate programada para o vindeiro venres pola tarde.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios