Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Polémica no PSOE vimiancés

Polémica no PSOE vimiancés

A situación no seo do PSOE de Vimianzo é complicada. A chegada de Marcial Mouzo á dirección do partido parece complicada, unha vez que o propio Roberto Mouzo lle quitaba o seu apoio, e que unha parte dos militantes non están nada dacordo coa súa actitude.

E máis tralas últimas declaracións de Mouzo, nas que que sinalaba que "O voto dos militantes non é vinculante". Ante estas manifestacióins nas que resta importancia e relevancia aos militantes, un grupo deles veñen de enviar un comunicado, que trata de recordarlle que "os militantes están para algo máis que pegar carteis ou para acudir aos sitios onde os reclaman". Nesa liña, lémbranlle que "é o partido que ten a última palabra e quen vai tomar a decisión final“.

Comunicado dos militantes do PSOE

Señor Marcial, son estas unhas palabras que vostede repite continuamente nos últimos días. Nos desde a máis grande das humildades queremos recordarlle que cando nos fixemos militantes do PSOE, fixémolo coa firme convicción de que pasabamos a formar parte dun “partido de progreso ao servizo de todos os cidadáns, aberto á participación tanto de homes como de mulleres onde podemos expresar as nosas ideas, preocupacións e tamén buscar solucións. Sempre tivemos a sensación de pertencer a un partido transparente e que cree e practica outra forma de facer política: a que se entende, a que é participativa, a que é próxima aos cidadáns, sensible aos seus problemas e desexos”.

Pensabamos que todo esto o tiña vostede claro xa que se trata da filosofía do noso partido, pero despois de oílo falar nestes últimos días, agora sabemos que non, que non debe ter moi clara cal é a filosofía e os valores deste partido no que todos nos militamos, incluído vostede, inda que tamén é verdade que o da súa militancia é bastante máis recente.

Permítanos dicirlle que pensamos que non é moi ético dicir esas cousas e logo ir presumindo de socialista no día a día. Debería vostede deixar que os militantes de Vimianzo decidan sobre o futuro do seu partido e tamén que sexan eles os que decidan as persoas que queren, as persoas nas que confían, as persoas ás que lle van dar o seu voto de confianza para sacar o proxecto socialista adiante neste concello.

As épocas das imposicións de “Yo mando....tu obecedes....” xa quedaron moi atrás no tempo, espero que para vostede tamén.

De calquera xeito, si lle da tan pouca importancia e relevancia aos votos dos militantes da nosa agrupación, queríamos facerlle unha pregunta: ¿Como é que vostede e algunha outra xente cercana se apresuraron tanto en facer militantes para o PSOE nos últimos meses?, tal é así que dous días antes de que acabara o prazo para inscribir militantes no censo de cara as votacións para elixir as listas para as Eleccións Municipais de 2011, aparecen cerca de 30 novos militantes, moitos deles pertencentes tamén a Plataforma que o apoia. ¿Será unha casualidade?.

Señor Marcial, sexa vostede benvido a nosa agrupación e esperamos que a súa colaboración e o seu traballo non se quede nun intento de aspirar a ser candidato a alcaldía de Vimianzo polo Partido Socialista senón que tamén nos achegue as súas ideas e as súas iniciativas e pase a formar parte da vida política dos socialistas de Vimianzo.

Pero a primeira colaboración que lle queremos pedir sen dúbida é que non vaia vostede alardeando de que a decisión para proclamar o candidato, tena o partido, que o que din os militantes non é vinculante ....iso, non está ben, porque pode dar lugar a confusión. Non vaia pensar a xente señor Marcial, que vostede está a militar no partido equivocado.

  • Asdo: Un grupo de militantes do Partido Socialista de Vimianzo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa dos militantes do PSOE.

Comentarios