Propoñen poñer zona azul nas rúas Castelao e Antonio Vázquez Mouzo de Vimianzo

O BNG de Vimianzo vén de propoñer que se limite o tempo máximo de estacionamento de vehículos de persoas non residentes nas rúas Castelao e Antonio Vázquez Mouzo, recentemente peonalizadas. Así mesmo, tamén solicitou que se reserve unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e outra para carga e descarga.
Os nacionalistas indicaron que “durante a noite e as xornadas festivas existen moitas prazas libres, mais nas xornadas laborais, e principalmente no horario de mañá, é moi difícil atopar lugares de aparcamento, ademais de observar moi pouca rotación de vehículos estacionados”.
“Unha situación que está a repercutir negativamente nos establecementos da zona, polo que propomos un tempo máximo de estacionamento de unha hora e media para os non residentes”, sinalaron desde o BNG vimiancés.
Seguridade
Por outra banda, a formación nacionalista tamén mostrou a súa preocupación pola inseguridade para os peóns en varios puntos do concello, concretamente no traxecto entre Torelo e Santa Irene ao longo da AC-552, e na saída de Baíñas dirección Olveira. Por elo, o grupo municipal do BNG presentará unha moción no vindeiro pleno a fin de conseguir o consenso da Corporación para instar ás administracións competentes a proceder á construción de beirarrúas