Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Reanúdanse as obras de saneamento en A Piroga

Reanúdanse as obras de saneamento en A Piroga
O Concello de Vimianzo está a poñer en marcha esta semana as obras de saneamento integral en A Piroga, na parroquia de Bamiro. Esta reanudación chega logo de recibir as autorizacións pertinentes por parte de Augas de Galicia e a Deputación da Coruña. Segundo aclaran dende o Concello nunha nota, o proxecto inicial, presentado durante o mandato do anterior alcalde Alejandro Rodríguez, contiña unha serie de deficiencias e erros que imposibilitaban que a obra se levara a cabo. Deste xeito, dende o consistorio vimiancés explican que as deficiencias foron subsanadas e o proxecto xa foi aprobado tanto pola Deputación como por Augas de Galicia. Dende o executivo que dirixe en funcións Fernando Mancebo valoran a nova de xeito positivo, e amosan a satisfacción cos técnicos dos dous entes, ao permitir a reanudación da obra nun curto periodo de tempo. O goberno municipal vén de referirse á oposición  en canto a este tema como “uns creadores de falsas alarmas que o único que acadan é danar a imaxe de Vimianzo”. Foi Fernando Mancebo, quen se puxo en contacto coa empresa adxudicataria da obra para que comezasen “canto antes”. O grupo de goberno aclarou que a obra está a cumprir os prazos, e polo tanto “non perderá a subvención da Deputación”.

Fonte

Comentarios