Teatro, monólogos e maxia enchen de espectáculo a casa da Cultura de Vimianzo
07:10 11/02/16
Marta Rey e Manuel Antelo presentaron a programación cultural do concello de Vimianzo
A obra infantil "A casa do avó", de Tanxarina Títeres encargarase de abrir este sábado, 13 de febreiro, a programación cultural do concello de Vimianzo. O departemento de Cultura, Deportes e Mocidade, dirixido por Marta Rey, encargouse de elaborar o amplo cartel de actividades que encherán o auditorio da casa da Cultura vimiancesa durante os sábados de febreiro, marzo, abril e maio. A nova programación chega co bo sabor de boca que lle deixou o éxito de convocatoria da programación cultural do outono pasado.
Coma sempre, a aposta vai por meses. Febreiro será o mes dedicado aos máis cativos e cativas. As representacións serán ás 18:30 horas e comezarán o vindeiro sábado, 13 de febreiro, coa obra “A casa do avó” de Tanxarina Títeres. O sábado 20 Os Quinquilláns representarán “Espantallo amigo”, adaptación da obra homónima de Xosé Neira Vilas. O sábado 27 Cé Orquestra Pantasma deleitará aos cativos e aos maiores cos espectáculos “A xogar, cantar e bailar” e “Fíos do querer”.
Marzo será o mes dedicado á lareta e aos monólogos. As representacións serán ás 21:00 horas. O 5 de marzo, Xoré Teatro representará “Pementeiras”. O día 12, Luís Zahera trae o “Chungo monólogo de Petróleo” e a programación do mes remata o día 19 con Quico Cadaval e “Almiñas”.
O mes de abril, denominado “Abril verdadeiro”, comeza o día 2 con Daboapipa e o seu espectáculo “As lavandeiras”, o 9 Talía Teatro presentará a súa nova obra, “Foucellas”, o 16 o artista Leo Bassi - que xa estivo fai uns anos en Corcubión - trae seu espectáculo “Utopía” e o 23 conmemoraremos a Revolución dos Cravos coa proxección da película “Fados” de Carlos Saura.
A comeza o día 7 cun espectáculo de máxia a cargo do Mago Antón. O sábado 14, Fantoches BaJ representará “O asombro de Manuel María”; o día 21, Ibuprofeno Teatro achegaranos a obra “A filla de Woody Allen” e a programación péchase o día 28 de maio con Cándido Pazó e súa adpatación de “Memorias dun neno labrego”.
Espectáculos de primeiro nivel
Por outra banda, o auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo intégrase na Rede de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais - AGADIC -, unha rede da que forman parte máis de 40 teatros e auditorios de toda Galicia como o Rosalía de Castro da Coruña, o Teatro Principal de Santiago de Compostela ou o Audiorio da Casa da Cultura de Carballo. Esta Rede ten como finalidade promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas cofinanciando a contratación de compañías profesionais e contribuíndo a que os concellos poidan acceder a espectáculos de primeiro nivel sen que isto supoña un custo elevado para as arcas municipais. As normas da Rede obrigan a establecer unha taquilla mínima coa finalidade de correpsonsabilizar aos espectadores na programación cultural.
Nesta tempada o concello de Vimianzo oferta 14 espectáculos dos cales 6 foron contratados dentro da Rede, establecendo as tarifas mínimas esixidas pola normativa de AGADIC. O prezo varía en función dos cachés dos artistas sendo o prezo habitual o de 2,50€ e o do espectáculo de Talía Teatro de 3,50€.
As persoas maiores de 65 anos e os estudantes terán unha redución do prezo do 50% sempre que acrediten esta condición. Ademáis poderá mercarse un bono de 3 funcións cun desconto do 25% sobre o prezo inicial.
As entradas venderanse na Casa da Cultura no seu horario habitual e os días de función unha hora antes do inicio da representación e poderanse reservar.
O alcalde do concello de Vimianzo, Manuel Antelo, e a concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rey, presentaron onte a programación cultural dos vindeiros meses.
Novas relacionadas
- Mon Lendoiro expón a súa obra na casa da Cultura de Vimianzo
- Vimianzo recibe o premio á mellor entidade deportiva
- Vimianzo actívase con máis de 70 actividades deportivas e culturais
- 3 meses de actuacións para encher o Auditorio de Vimianzo
- A programación continua segue enchendo o auditorio de Vimianzo
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo