Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Translatio volve convertirse no centro dunhas xornadas de posta en valor do patrimonio Xacobeo vimiancés

translatio vimianzo
A Translatio volve convertirse no centro dunhas xornadas de posta en valor do patrimonio Xacobeo vimiancés

Andainas, un taller fotográfico, visitas guiadas, representacións teatrais ou un foro entre as actividades a través das que o Concello de Vimianzo porá en valor a súa riqueza patrimonial e cultural e a súa vinculación co Camiño de Santiago. As diferentes iniciativas enmárcanse dentro do proxecto ‘Translatio e Camiños de Santiago nas Terras dos Condes de Altamira’, incluído no programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia.

“O porto de Cereixo, a igrexa da translatio de Cereixo ou as hermidas de Castrobuxán, da Peregrina da Lagoa, de Montetorán e Vella de Tines están relacionadas, segundo expertos, coas rutas xacobeas, e a través destas actividades, enmarcadas no proxecto ‘O Teu Xacobeo’, queremos resaltar a súa importancia e situar a Vimianzo como parte do Camiño a Santiago”, resaltou a alcadesa Mónica Rodríguez.

Programación

A programación dará comezo o venres 20 de agosto coa visita teatralizada no enclave de Cereixo a cargo da compañía Os Quinquilláns, que realizarán unha representación todos os venres ás 17:00 horas ata o 24 de setembro.

O 28 de agosto celebrarase unha andaina cultural, que comezará na Lagoa e chegará ata Castrobuxán, pasando por Pasarela e Ponte da Furaqueira. No medio da ruta as persoas participantes deleitaranse con espectáculos musicais e teatrais. O punto de encontro será na Ermida da Lagoa ás 10:00 horas.

O 28 de agosto tamén contará co ‘Serán no Camiño’, unha xornada con diversas actividades culturais para gozar en familia e coas amizades.

Xa en setembro, o día 4, realizarase o ‘Percorrido translatio’ desde Vimianzo pasando por Cereixo, Muxía, Fisterra, Dumbría, Padrón e con chegada, como non podía ser doutro xeito, a Santiago.

Na xornada do 18 realizarase outra andaina, nesta ocasión polo camiño de Muxía a Cereixo. No mesmo día terá lugar un taller formativo de fotografía.

Continuará a programación o 24 de setembro cun foro no que se abordará a relación de Vimianzo co Xacobeo e aquelo que o municipio pode ofrecer a nivel turístico e cultural con expertos e expertas.

A programación contará tamén con representacións teatrais os sábados, unha exposición e diversas actividades dirixidas aos escolares do municipio, co obxectivo de achegar o patrimonio de Vimianzo a todas as persoas do municipio.

Inscrición

O aforo é limitado, polo que é preciso inscrición, que poderá irse realizando a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios