Un mes Asaltando o Castelo
Nunca esperarían aqueles rapaces que crearon unha “I Noite Folk en Vimianzo” un venres 5 de xullo de 1996 que o percorrido que iniciaban se ía converter nunha das festas históricas e musicais máis relevantes do país. O Asalto ao Castelo de Vimianzo cumpre 20 anos con nostalxia e reafirmación, como un dos festivais máis singulares do país.
Un festival que mestura música folk de primeiro nivel galego, con artesanía, deporte, gastronomía, e unha representación teatral xa mítica, recordando as revoltas irmandiñas do século XV nunha Galicia feudal.
Este 20 aniversario, a organización (A. C. Cherinkas, AXVALSO e Concello de Vimianzo) pega un salto creou toda unha serie de actividades paralelas que se desenvolverán durante todo o mes de xuño, con dúas exposicións, un cd creado por músicos locais, a feira artesanal, unha carreira pedestre, a cea medieval, os pinchos irmandiños, unha tarde no Castro de Barreiras, e como non, a gran noite, co festival de música e a devandita representación.
Todo era presentado este pasado sábado na Casa da Cultura de Vimianzo, na Gala-Casting, que serviu para presentar o programa e mais para escoller aos actores que representarán a sempre retorcida historia traballada por Ghillermo Méndez, que tras un ano de descanso, retoma o mando das operacións creativas para crear unha nova historia relacionada con aqueles tempos das revoltas irmandiñas do século XV.
A presentación servíu tamén para saber os nomes que estarán no escenario do campo da festa a noite do sábado 4 de xullo. Nesta edición, o Asalto ao Castelo aposta por formacións emerxentes que demostran aló onde van o seu ritmo e calidade. Arrincarán os Ruaille-Buaille, divertido grupo folk vasco, xusto antes da representación.
Como sabedes, a representación arrincará ás 23:30h no campo da festa e toda a escena e o público trasladarase cos fachos ata o foxo do Castelo. Este ano chámase Herdanza meiga, e representa que tras vinte anos despois das Revoltas Irmandiñas, os señores feudais seguen a oprimir á comarca. O inesperado regreso a casa de Inés, a filla da meiga revolucionaria Urraca, desencadeará nunha nova revolta coa fénix tarefa de derrocar o castelo e, con este, os seus donos.
Xa de volta tocarán Alamedadosoulna, banda madrileña que rebenta escenarios; Artistas del Gremio co seu rollo fanfarria/charanga e pecharán Dakidarría, explosiva banda de ska, punk galega.
Aquí vai o trailer, e a propia xente do Asalto fainos un repaso do programa completo:
O Asalto na memoria
Dúas exposicións para lembrar o vinte aniversario da cita, o sábado 13 de xuño inaugúrase a Retrospectiva fotográfica dende o XX Asalto con La Voz de Galicia no Castelo; o sábado 20 de xuño ás 20.00h haberá unha charla-coloquio na Casa da Cultura sobre a historia da festa e unha hora despois abrirase ao público unha mostra de fotografías e elementos utilizados durante estes anos de Asalto ao Castelo.CD Irmandiño Son
Unha ducia de grupos e artistas locais reuníronse para crear un relato musical que deu como resultado un álbum onde se recollen diferentes estilos musicais, pero todos co mesmo argumento principal: a revolta irmandiña. O CD será presentado o sábado 13 de xuño ás 20.30h tanto aos medios de comunicación como ao público xeral. Momento no que se presentará ademais a banda deseñada 1468, publicación creada polo ilustrador vimiancés Rubén Rial, que cunha gran documentación por detrás narra como puido ser a toma do castelo polos irmandiños soneiráns. Volvendo ao Irmandiño Son, haberá un concerto especial de presentación do mesmo o venres 26 de xuño ás 22.30h na Praza do Concello. Unha festa que será o colofón da Legua Irmandiña, novidade tamén desta edición.Legua irmandiña
Trátase dunha carreira popular nocturna, que terá lugar ese día ás 21h e terá como punto final o castelo de Vimianzo. Haberá varias categorías para todas as idades, a principal terá 5,5 km de lonxitude. Por suposto, a carreira nace imbuída do espírito do Asalto, de tal xeito que a chegada ao Castelo estará ambientada e decorada. As bases están debidamente explicadas na web do Asalto e o prazo de inscrición está aberto https://championchipnorte.com/evento/inscribirme/id/537Castro das Barreiras
Este ano o Asalto ao Castelo “irmándase” coa outra gran fortaleza do Val de Vimianzo: o castro das Barreiras. Como acto reivindicativo da súa importancia como ben monumental e arqueolóxico o sábado 27 de xuño celebrarase unha tarde de actividades, con música, teatro, unha cerimonia especial e incluso un torneo de fútbol gaélico que será das grandes sorpresas desta edición.VIII Pinchos irmandiños
Vinte locais para vinte edicións de Asalto ao Castelo. Cada ano máis establecementos hostaleiros da vila participan nos Pinchos Irmandiños, que se repartirán desde o martes até o sábado, desde as 12h ás 15h e pola tarde das 19h ás 23h. Todos serán petiscos diferentes e creativos, feitos por suposto con ingredientes medievais (queda prohibido todo alimento que non fora descuberto aínda no país no século XV). Ademais a diversión está garantida, con música e teatro en todos os locais.VI Cea medieval
Na véspera (3 de xullo) do día grande da festa celébrase unha concorrida velada ambientada no medievo na que se pode degustar un menú propio da época no mesmo foso do castelo (25€). Cada ano medran as peticións de entradas, e por iso este ano decidiuse ampliar até 500 o número de comensais. Por certo, este luns 1 de xuño abre o prazo para comprar as entradas ó público en xeral, 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com Con todo, quen non poida asistir á Cea, terá ocasión igualmente de gozar da música e do espectáculo dos Medievándalos e Pan de Capazo, a partir da 1 da madrugada coa apertura de portas.Sábado de actividades
Durante todo o sábado 4 de xullo celebrarase a Feira Artesanal na que este ano ademais de artesanía tamén se poden vender produtos ecolóxicos. Na mesma praza do Concello tamén poderemos gozar dunha exposición de armas e armaduras, exhibición de tiro con arco, música e baile tradicional, obradoiros infantís, títeres, un circo freak (Olimpíadas irmandiñas), poxa do ariete, e demais espectáculos itinerantes. Pola tarde, a historia do castelo dase a coñecer cunha visita guiada teatralizada. Ademais, os nenos tamén asaltarán o castelo ás 16.30h co Asaltiño. Ás 19.30h desfile de centos de irmandiños polas rúas da vila nas Irmandades Parroquiais, que terán como colofón o izado da bandeira irmandiña na praza do Concello.Noite de concertos
- Ruaille-Buaille (10:00h.) Pronunciado [Rula-Bula] significa “bulicio” en irlandés, e reflicte a atmosfera divertida que este grupo folk, afincado en Barakaldo (Bizkaia) e xurdido en 2005, crea nas súas actuacións, tanto no escenario como entre o público, facéndoo partícipe e xogando coa súa complicidade.
ASALTO AO CASTELO (23.30H)
Máis concertos
- Alamedadosoulna (01.00h): Banda madrileña coa soa misión de rebentar todos os escenarios que se lles poñan a tiro a golpe de ska, reggae, imaxinación, humor, elegancia e compenetración. Unha arma de diversión masiva, unha máquina de rebentar zapatos, zapatillas e chancletas. Músicos-comediantes que reinventan cada noite o concepto de actuación musical, arrasando calquera escenario.
- Artistas del Gremio (02.30h) Fanfarria/charanga caracterizada por un estilo xenuíno baseado na interacción co público, a enerxía e as maniotas do día despois. Paixón, orixinalidade, dinamismo, interacción co público... son algunhas das palabras que mellor definen a esta banda aragonesa.
- Dakidarría (02.30h): Explosiva banda de ska, punk e reggae procedente de Valmiñor, Galicia. A través da súa música cóntanse por numerosas as súas críticas políticas e sociais. Baixo un estilo alegre e rebelde defenden a liberdade dos pobos e a diversidade cultural.
Novas relacionadas
- 500 persoas poderán disfrutar da Cea Medieval dos 20 anos de Asalto ao Castelo.
- O Asalto escollerá os seus actores na Gala-Casting do 20 Aniversario.
- O Asalto quece motores con artesanía, música e deporte.
- I Legua Irmandiña 2015: Os Irmandiños tamén saben correr.
- Bo relevo para armar un 20º aniversario do Asalto ao Castelo cheo de música.
- A Cherinkas, que se fai maior, decidirá se segue ao mando do Asalto ao Castelo.
- Asalto 2014: Os rollos da Marquesa; gañador dos pinchos irmandiños do Asalto ao Castelo de Vimianzo.
- Asalto 2013: Asalto ao Castelo, a traca final (en vídeo).