Unha Poxa Benéfica cambiará cadros por alimentos en Vimianzo
A solidariedade instalouse no Concello de Vimianzo e non vai marchar. Hai uns meses, canda ese espectacular Nadal Solidario, xurdía na Escola Municipal de Arte a idea de organizar unha poxa benéfica dunha obra de cada un dos alumnos e alumnas da escola de pintura co fin de poñeren o seu gran de area para axudar as familias máis necesitadas do concello, doando a cantidade recadada a Cáritas Vimianzo.
Os alumnos e alumnas da Escola puxéronse a traballar na creación de cadansúa obra, sabendo que non ían poder quedar con ela, o que, lonxe de poñer menos interese na creación da mesma, fixo o efecto contrario, pois puxeron o mellor de si mesmo nestes cadros, sabendo que a recompensa é saber que co seu traballo colaboran cunha boa causa.
Chegou o momento de que coñezamos a obra destes futuros artistas vimanceses, e de que todos teñamos ao noso alcance mercar un cadro único: vinte e dous cadros de vinte e dous futuros e futuras artistas.
Desde o xoves 20 ata o 30 de marzo a Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo albergará a exposición dos cadros destes artistas, polo momento anónimos, mais quen sabe en que se poden converter.
Vimianzosolidario.es
Hoxe mesmo, xoves día 20, estará operativo na rede o espazo www.vimianzosolidario.es, unha páxina creada expresamente para esta iniciativa solidaria a través da cal se levará a cabo a poxa. Será nesta páxina onde as persoas interesadas poderán visualizar os cadros e realizar as súas ofertas. Alí poderán atopar unha guía de como realizar a poxa e un formulario de contacto onde poderán realizar calquera dúbida ao respecto.
Para que o traballo destes artistas da Escola Municipal de Arte non se minusvalore cada cadro levará un prezo de partida desde o que se iniciará a poxa, deste xeito garantimos que non só o traballo senón o gasto realizado polos alumnos sexa recompensado dalgún xeito. Os artistas xa fixeron a súa doazón a esta campaña solidaria, xa que o que eles recibirán polo cadro doado non será, nin máis nin menos, que a satisfacción de saber que é valorado por moita outra xente.
Diariamente a páxina www.vimianzosolidario.es irase actualizando sinalando os novos prezos de partida dos cadros.
Os poxadores serán anónimos, xa que deberán realizar a poxa empregando un pseudónimo, e só se saberá a identidade do gañador á hora de recoller o cadro. sendo sinalado cada un deles cun código que será o que se empregará á hora de realizar a poxa.
O domingo día 30 de marzo ás 24.00 horas pecharase a posibilidade de realizar máis poxas. Unha vez coñecidos os adxudicatarios abrirase un prazo para realizar o pagamento do cadro, de non realizarse o pago nese prazo o cadro adxudicarase ao seguinte poxador segundo a orde das ofertas.
Finalmente, o venres día 4 de abril realizarase un acto de entrega dos cadros onde se darán a coñecer os artistas e os adxudicatarios das obras.
Máis información
Novas relacionadas
- 138 familias reciben as axudas do Concello de Vimianzo.
- Todo Vimianzo fai balance do seu Nadal máis Solidario.