Vimianzo aproveita o Plan Único para pavimentacións e saneamento
07:43 14/10/17
Continúa a Deputación facendo alarde dos investimentos que permite o Plan Único. Desta volta, fálanos do Concello de Vimianzo, onde a Deputación inviste 1,4 millóns de euros a través do devandito plan. Parte dos fondos provinciais destinaranse a custear o gasto corrente municipal, incluíndo o servizo de recollida de lixo e o alumeado público, e tamén contribuirán a reducir a débeda con entidades bancarias, saneando así as contas do Concello.
Por outra banda, entre as accións a desenvolver, hoxe destacan os 221.222 euros que servirán para realizar tres obras para mellorar as pavimentacións e as redes de saneamento en Vimianzo: pavimentación do núcleo de Santa Comba de Baíñas, a reforma da estrada entre Treos e Carnio e a execución dunha nova rede de saneamento en A Piroga.
Pavimentación de Santa Comba de Baíñas
O primeiro dos proxectos que xa están contratados é a pavimentación do núcleo de Santa Comba, situado na parroquia de Baíñas. A Deputación achega o custe total das obras, 84.075 euros, co obxectivo de mellorar os camiños principais que dan servizo aos veciños e de adecuar os viais ao tráfico de vehículos pesados. Estas melloras realizaranse tanto na zona central coma no acceso principal, que compoñen un área de máis de 2.900 metros cadrados. Na actualidade, o firme atópase deteriorado, polo que se procederá á súa demolición, para posteriormente construír unha nova soleira de formigón armado, combinado con elementos en pedra para humanizar a estrutura. Asemade, executarase unha nova rede de recollida de pluviais e plantarase céspede nas zonas anexas aos camiños. Na estrada de acceso a Santa Comba, procederase á escavación e desbroce das marxes, para ampliar a plataforma da vía ata 5 metros, que se pavimentará mediante mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor.Estrada entre Treos e Carnio
O Plan Único da Deputación tamén destina 90.750 euros para reformar a estrada que comunica o núcleo de Treos co de Carnio, que presenta un estado de conservación moi defectuoso e precisa de actuacións urxentes. Nos 1.700 metros de longo deste vial, retirarase o firme dos bordes, xa que están asentados de maneira irregular sobre o terreo. Posteriormente, levarase a cabo a escavación do terreo para nivelar toda a plataforma da estrada. Nas zonas nas que existe moito desnivel coas fincas colindantes, executarase un muro de mampostería para evitar desprendementos de terras. O novo firme consistirá nunha base para reparar baches e nivelar, tratamento semiprofundo bituminoso e triplo rego asfáltico. As obras,que está previsto que se executen en cinco meses, tamén incluirán a limpeza das cunetas, e o seu perfilado para que evacúen correctamente as augas de choiva.Rede de saneamento en A Piroga
O núcleo de A Piroga, situado na parroquia de Bamiro, contará cunha nova rede de saneamento financiada a través do Plan Único da Deputación con 46.397 euros. Na actualidade, este núcleo rural conta cunha rede de saneamento unitaria bastante antiga, que evacúa simultaneamente as augas pluviais e as residuais, e as dirixe a unha estación depuradora. A nova rede que se construirá será separativa, contacto con dúas canalizacións de modo que augas pluviais se desviarán hacia un colector, evitando o uso innecesario da depuradora e o sobre custe que isto supón. Así mesmo, coa nova rede evitaranse as filtracións de augas residuais ao solo a través dos vellos colectores de formigón, que ocasionaban tamén un problema medioambiental. As obras de construción da nova rede terán unha duración aproximada de oito meses, e consistirán na excavación das zanxas, a instalación das canalizacións e os pozos de rexistro e a reposición dos pavimentos afectados.Áreas de ocio e parques infantís
O Boletín Oficial da Provincia tamén recolle hoxe a formalización do contrato dunha obra financiada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Acción Social. Este proxecto, ao que a institución provincial achega 81.864 euros, consistirá na ampliación de varias áreas de ocio e parques infantís en Bamiro, Serramo, Quintáns, Tufións e Mouzo. En Bamiro, remodelarase o parque de xogos infantil que se atopa nas inmediacións do centro cívico, mediante a instalacións de novos xogos, a construción dun valado de madeira e a pavimentación do acceso peonil. Tamén en Quintáns se renovarán os xogos para os nenos que e se ampliará a zona dedicada ao parque, situado nunha parcela anexa ao centro social. No núcleo de Serramo, crearase unha nova zona de ocio na parte norte da pista polideportiva, que contará con diversos equipamentos destinados ao público infantil. Por último, tanto en Tufións coma en Mouzo ampliaranse as zonas de xogos infantís e crearanse circuítos biosaludables para maiores, que incorporarán diversas máquinas destinadas á práctica de exercicios físicos adaptados.Novas relacionadas
Fonte
-
- Deputación.