Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Vimianzo construirá un miradoiro sobre a ría de Cereixo

Miradoiro Ria Cereixo-Vimianzo
Vimianzo construirá un miradoiro sobre a ría de Cereixo

O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación da execución do proxecto de obra do miradoiro sobre a ría de Cereixo, que estará financiada con cargo a unha axuda da Consellería do Mar para estratexias de desenvolvemento local participativo aprobada ao GALP Costa da Morte.

A actuación, que conta cun orzamento total de 85.278,10 euros, inclúe a implantación dun novo miradoiro que permitirá a posta en valor e a contemplación dun espazo de gran valor natural e paisaxístico, así como o seu emprego recreativo e didáctico para toda a poboación.
 

Localizarase nunha parcela lindeira ao viario que comunica o Porto de Cereixo (Vimianzo) co núcleo de Leis de Nemancos (Muxía). Desde este lugar, emprazado a unha altura de case 80 metros, é posible contemplar a desembocadura do río Grande xunto a un encaixe de diferentes praias e calas, co océano Atlántico ao fondo.

Para a súa construción empregarase unha estrutura metálica lixeira, formada por perfís laminados para estruturas especiais sobre dous únicos apoios de formigón armado que quedarán ocultos. O pavimento executarase nunha superficie total de 38 metros2 e será continuo en toda a actuación, con grandes táboas de madeira maciza.

Para o acceso ao miradoiro será preciso levar a cabo a execución dunha explanada desde o viario que comunica o Porto de Cereixo co núcleo de Leis de Nemancos. Para isto, prevese a colocación dun muro de contención de pedras de granito. O recheo da explanada de acceso será de xabre e rematarase coa pavimentación dunha zona de aparcadoiro.

"Contamos con que estea rematado para o Encontro Internacional Starlight, que se desenvolverá no vindeiro mes de outubro”, sinala o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez,
 

Comentarios