Venres. 03.05.2024
El tiempo

Vimianzo, cruce de camiños entre o padal e o mar

Vimianzo, cruce de camiños entre o padal e o mar
Presentacion en Vimianzo do proxecto Do mar a terra

Xa coñecimos os eixos do proxecto, pero onte tiña lugar a presentación oficial da iniciativa “Do mar á terra”, que artella o Concello de Vimianzo cos fondos europeos xestionados a través do GAC. Unha iniciativa orientada a fornecer o sector turístico e a dinamizar a relación do municipio soneirán co litoral, unindo a potencia costeira en produtos do mar, coa gastronomía, a cultura e o consumo responsable.

"Do mar á terra" é un proxecto que pretende converter a poboación en xeral, e o empresariado da restauración de Vimianzo en particular, en plataformas para a posta en valor do sector produtivo (extractivo e transformador) do mar da Costa da Morte, dunha maneira sustentable e innovadora, a través do consumo responsable dos froitos mariños capturados na zona e a divulgación das súas características singulares.

E o fai en varias frontes: a través dos establecimentos hosteleiros como produto turístico; e a través das familias como campaña de sensibilización. Nos primeiros fomentarase a creación de menús atractivos co noso mar, e nosa cultura como protagonista. E paralelamente farase unha campaña de concienciación para as familias reincidindo na importancia do consumo local.

Soneira como cruce de camiños entre o padal e o mar

Imaxe da campaña Do Mar a Terra

I é que “o mar de Vimianzo non está só en Sabadelle. A Costa da Morte saboréase nas mesas da capital de Soneira”, subliñou o alcalde vimiancés, Manuel Antelo. O proxecto, no que se empregarán 165.000 euros, recolle o feito de que en Vimianzo se serven anualmente máis de 250.000 menús nos diferentes restaurantes do territorio municipa.
“Historicamente, Vimianzo foi un núcleo no que se encontraba a terra e o mar, un cruce de camiños onde se atopaban os mariñeiros da Costa da Morte que levaban os seus produtos cara a outros mercados”, sinalou o alcalde.

O proxecto pretende seguir “as pegadas na historia do peixe e do marisco da Costa da Morte como elemento diferenciador de cara aos que nos visitan”. Segundo Manuel Antelo, o Concello traballa nunha estratexia turística cun marcado acento histórico. “Queremos amosarlle ao público que os castrexos deste Val de Soneira ou os habitantes dos nosos pazos e do castelo xa contaban cunha cultura gastronómica na que os produtos do mar da Costa da Morte tiñan relevancia”, resaltou.

Primeiras actuacións

As primeiras actuacións do proxecto déronse a coñecer esta tarde no acto celebrado na Casa da Cultura. Durante o mesmo, tamén se adiantaron as distintas accións formativas que se impartirán neste mes de decembro. Así, presentouse a imaxe pública coa que se difundirá a marca de Vimianzo e que pretende ser un paraugas que acolla a todos os axentes implicados nesta iniciativa.

No que se refire ao programa dos cursos, hoxe martes 11, o cociñeiro Miguel Silvarredonda impartirá unha sesión práctica sobre cociña con algas nas instalacións do restaurante Pastoriza. Ao día seguinte, mércores 12, persoal especializado falará sobre a rexeduría de pisos; e o xoves 13 terá lugar un curso de manipulador de alimentos.

Arqueogastronomía

Por outra banda, “Do mar á terra” ten programada una conferencia para este venres 14 na que se fará un achegamento aos produtos do mar presentes na dieta dos castrexos e os pratos que se degustaban na Idade Media en castelos coma o de Vimianzo. Os responsables do proxecto denominan esta iniciativa como “Arqueogastronomía”. Os encargados de impartir a charla, que terá lugar na Casa da Cultura, serán Víctor Bejega García e Eduardo González Gómez de Agüero, arqueólogos doutorandos da Universidade de León.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios