Vimianzo debatirá en pleno a participación no Plan DTC 93 da Deputación
Este venres 16, ás 20.30 horas, hai pleno no Concello de Vimianzo. Pleno que, coma sempre ultimamente, será tenso. Pero o grupo de goberno quere que se rebaixe a tensión e que se aprobe o Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, “Unha deputación para todos os concellos”. Un Plan que, segundo aseguran dende o Concello “conta cunha asignación da Deputación da Coruña que ascende a 255.347,21€, e para que concello poida acceder a esta subvención é necesaria a aprobación do mesmo polo Pleno da Corporación”.
Sinalan que o Plan inclúe obras propostas pola oposición, como as obras de reparación de beirarrúas e repavimentación na rúa Tedín, en Vimianzo, que presenta o maior investimento do proxecto. Un presuposto de 146.834,49€ para levar a cabo a humanización da rúa máis antiga de Vimianzo, realizando unha, moi necesaria, recollida de pluviais, a repavimentación do vial, o arranxo das beirarrúas e o regulamento do tráfico co fin de garantir a seguridade viaria nunha zona con gran tránsito de peóns.
As demais propostas de execución de obras recollidas neste proxecto serían: a reparación e mellora de camiños rurais municipais nas parroquias de Baíñas e Serramo, para o que se destina un presuposto de 33.000€; a reparación de vías rurais municipais nas parroquias de Tines, Treos e Serramo, orzamentadas en 39.726,45€; e a reparación de vías rurais municipais nas parroquias de Berdoias, Cereixo e Carnés, cun presuposto de 35.786,27€. Conta ademais, a proposta da Alcaldía, cun plan complementario no que entraría a realización de melloras do cemiterio de Carnés e o acondicionamento do espazo público das Cabazas, orzamentado en 32.397,75€.
Novas relacionadas
- O Goberno de Vimianzo acusa á oposición de seguir poñendo trabas.
- O PP vimiancés bota leña ao lume municipal.
- Condenado o ex alcalde de Vimianzo por un delito de coaccións leves contra a súa ex parella.
- 30-04-14: Os censores convocan un pleno para eliminar a dedicación exclusiva do alcalde vimiancés.
- 29-03-14: A política ponse de costas en Vimianzo.
- 12-03-14: O PSOE expulsa provisionalmente aos edís promotores da fallida moción de censura.
Fonte
- Nota de prensa do grupo de goberno do Concello de Vimianzo.