Vimianzo denuncia actos vandálicos nas luminarias, sen estrear, do paseo fluvial

O Concello de Vimianzo vén de denunciar os actos vandálicos que tiveron lugar esta madrugada no paseo fluvial. Unha marea de elementos do sistema eléctrico, aínda por estrear, acabaron coas lluminarias desprendidas da base, rotas e forzadas, como descubría a primeira hora a Policía Local.
Os axentes, que xa están na procura de probas para identificar ás persoas causantes, admiten que “trátase dun acto completamente premeditado, que non é unha zona de paso a altas horas da noite e que, presuntamente, as persoas causantes destes danos xa tiñan pensado actuar na zona”, advirten.
Neste sentido, desde a Policía Local apuntan que “ante calquera mínimo indicio de ter algunha proba, sexa ou non concluínte, que a fagan saber a través do teléfono 617 484 852. “Calquera contribución a esclarecer o sucedido será de moita axuda para nós”, advirten.
Desde o goberno local lamentan profundamente o sucedido. Esta mañá, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, referiuse a este acto como “algo profundamente triste para todo Vimianzo”, enfatizando a necesidade de “coidar do noso para que os servizos públicos poidan ser de calidade e universais”.