Venres. 29.03.2024
El tiempo

Vimianzo programa unha serie de Andainas pola súa natureza

Roteiros 4
Vimianzo programa unha serie de Andainas pola súa natureza

O Concello de Vimianzo presentou Recunchos, outono 2020, o programa de andainas para poñer en valor o patrimonio natural e arquitectónico e que dará comezo o vindeiro día 17 de outubro co roteiro Vieiro Fidalgo, un percorrido de 9 quilómetros. Esta conecta os lugares de Berdoias e Boallo, e as persoas que participen na mesma terán a ocasión de contemplar o interesante patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico do lugar de Berdoias. Visitaranse o dolmen da Casota de Freán ou os petróglifos do Pedrouzo. 

Todas as andainas son circulares, con saída e chegada no mesmo punto. Os participantes deberán trasladarse ao punto de inicio da andaina polos seus propios medios. Haberá un máximo de 24 participantes por guía, e será obrigatorio o uso de máscara sanitaria de protección. As inscricións poderán formalizarse na páxina web do Concello de Vimianzo.

As rutas

Roteiros por Vimianzo

Catro dos cinco roteiros desenvolveranse por camiños e sendeiros recuperados recentemente. 

O 24 de outubro desenvolverase a ruta entre Vimianzo e Castrobuxán, nun percorrido de 14 quilómetros. Visitaranse os lugares de Casais, Urroa, Calo e Castrobuxán. Poderase contemplar, por exemplo, a antiga escola de Calo na que foi mestra Elisa, a muller de Marcela, que formaron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, aló polo 1901.

O 31 de outubro, a circular por Bamiro, cunha lonxitude de 14,5 quilómetros. Durante a mesma, poderán observarse os lugares máis emblemáticos da parroquia de Bamiro, e da contorna do río Grande ao seu paso pola Piroga e Baio. 

O 7 de novembro celebrarase a andaina baixo o nome de ‘Os segredos do Val de Vimianzo’, tamén de 14 quilómetros. Contarase cun convidado de excepción: o mozo estudante David Roget, quen recentemente descubrira petróglifos que ‘decoran’ o val. 
Por último, o 7 de novembro, pecharase o programa de andainas Recunchos coa ruta ‘Os penedos: #moitomáisquepedras’, de 8 quilómetros e que contará con algunha que outra sorpresa. Esta ruta discorre pola paisaxe protexida, na que se poderán contemplar verdadeiras obras de arte esculpidas polo paso do tempo e a forza da natureza. 

Comentarios