domingo. 18.05.2025
El tiempo

Vimianzo recorda a Roberto Mouzo

Vimianzo recorda a Roberto Mouzo
homenaxe-roberto-mouzo Amigos, familiares e compañeiros rendironlle unha homenaxe a Roberto Mouzo, estudoso das Terras de Soneira Unha pequena mostra con parte dos seus traballos, atestigua o grande traballo que fixo Roberto Mouzo sobre a Terra de Soneira. Así que a inauguración da exposición na casa da Cultura de Vimianzo serviu de excusa para rendirlle unha homenaxe a este estudoso falecido fai 4 aos. Os seus estudos abarcan distintos ámbitos pasando pola arqueoloxía, a etnografía, a toponimia, a historia, etc. No acto do sábado, o historiador Xosé Mª Lema achegouse á figura do Roberto estudoso, recordando que colaboraron en distintos traballos e publicacións e valorando o compromiso de Roberto coa investigación histórica e a defensa do patrimonio. Manuel Rivas descubriu ao Roberto máis comprometido socialmente. Recordou as loitas do Colectivo Adiante Soneira na defensa do patrimonio e da natureza e a colaboración de Roberto con Nunca Máis despois da catástrofe do Prestige. A figura de Roberto Mouzo tamén foi fundamental para o recoñecemento da Terra de Soneira como comarca - na primeira proposta da Xunta o territorio dos concellos de Vimianzo, Camariñas e Zas ía incluído na de Fisterra - e para evitar a destrución e acadar o posterior recoñecemento como Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. Rocio Soto achegouse á parte máis persoal de Roberto, á da amizade. Describiuno como un grande amigo, cun enorme sentido do humor e sempre disposto a colaborar coas súas amizades en calquera tipo de proxecto. Pola súa banda, o alcalde vimiancés - Manuel Antelo - incidiu na figura do Roberto comprometido co patrimonio e coa cultura. Refiriuse a el e aos seus traballos como un referente á hora de deseñar as liñas básicas nos ámbitos da cultura e do patrimonio do Goberno Municipal de Vimianzo. exposicion-roberto-mouzo A casa da Cultura de Vimianzo acolle unha mostra cos traballos realizados por Roberto Mouzo Xa, na inauguración da exposición, a familia quixo expresar o seu agradecemento polo recoñecemento que se lle rendeu a Roberto con este acto e con esta exposición e mandarlles unha sentida aperta a todas aquelas persoas que participaron nestes actos.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Vimianzo

Comentarios