Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Vimianzo recupera historias e oficios cun Paseo pola Memoria

Vimianzo recupera historias e oficios cun Paseo pola Memoria
O vindeiro sábado, día 10, desenvolveranse na parroquia vimiancesa de Salto a actividade "Paseo pola memoria"; un roteiro de 5 quilómetros na que visitarán diferentes lugares próximos ao Mosquetín, vendo a relación que establecía co territorio próximo este conxunto etnográfico. Desta forma, o que se pretende é recuperar o patrimonio inmaterial a través dun camiño conversado. A saída terá lugar o sábado ás 10:30 horas no Mosquetín. Alí farase unha visita guiada e unha demostración do funcionamento dos batáns e muíños, ademais de falar cos habitantes do lugar, descendentes aínda dos bataneiros. O camiño seguirá á beira do río Grande por un sendeiro até chegar aos Muíños Novos, un conxunto abandonado de muíños que tamén foron privados. De aí chegarase á primeira aldea, Reparada, onde había unha tecelá que facía entre outras cousas mantas que se abatanaban despois no Mosquetín. A seguinte parada será Torelo, vendo polo camiño outros muíños, neste caso xa dospropios veciños, e tamén as pontes que salvan ríos e regos, a da estrada xeral, do século XIX. Tamén se falará da riqueza megalítica desta zona norte da parroquia. Finalmente o camiño chegará a Señoráns, lugar de pasado fidalgo cunha casa que foi torre e onde se terá a oportunidade de ver unha forxa antiga. En toda a comarca poucas veces se pode ver o obradoiro dun ferreiro, e que aínda hoxe podería poñerse a funcionar. O concello convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta actividade. Os interesados en participar deben anotarse no teléfono 981 716 001 (ext 1235), no correo electrónico [email protected] ou presencialmente no concello de Vimianzo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios