Vimianzo soña cun mundo mellor en igualdade


Este 8 de marzo celébrase o Día Internacional das Mulleres. Xa vimos varias das actividadades que artella a Buserana en Cee e a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova en Carnota, pero hoxe imos ata Vimianzo, onde o Concello de a Cruz Vermella Mocidade celebran a data con diversas accións, que serven para reivindicar o papel da muller e de paso tranquilizar os ánimos tras uns días de auténtica vertixe.
Un mural pola Muller
O Concello de Vimianzo realizará unha homenaxe simbólica a todas as mulleres o vindeiro venres 8 de marzo, data na que se conmemora o Día Internacional da Muller. Con esta finalidade están a traballar os usuarios e usuarias do RISGA durante estes días na Casa do Concello, dirixidos pola psicóloga Mª José Pose. O venres os mesmos usuarios expoñerán o mural rematado na entrada do concello, que posteriormente se trasladará á Casa da Cultura.
Cruz Vermella soña cun mundo mellor
Por outra banda, Cruz Vermella Vimianzo pon en marcha a campaña "Soñas cun mundo mellor?" coa que pretende lanzar unha mensaxe positiva e promover a reflexión individual sobre os diferentes ámbitos da sociedade onde se manifestan as desigualdades: laboral, doméstico, educación, parella. Algunhas das preguntas coas que se invita a reflexionar son:
- Soñas co bo trato e con acabar coa violencia de xénero?
- Soñas con que as profesións non teñan xénero?
- Soñas con nenos e pícaras xogando con bonecas?
- Soñas co reparto igualitario das tarefas e responsabilidades domésticas e de coidado?
En Vimianzo os voluntarios e voluntarias montarán un tendal no que irán colgando cartulinas con forma de pezas de roupa e todo aquel que queira participar escribirá nesas pezas os logros que a sociedade conseguiu ao longo da historia a favor das mulleres e ideas para conseguir un futuro igualitario. A actividade será o venres 8 de Marzo no IES Terra de Soneira das 10 ás 13 horas e pretende invitar á reflexión persoal a favor da igualdade de xénero e a sensibilizar sobre as pequenas accións que, día a día, todos e todas podemos realizar para lograr unha sociedade un pouco máis xusta e igualitaria.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).