Venres. 18.10.2019
El tiempo

A volta ao mundo comeza en Vimianzo

Sergio Casal e Nuria Espasandin (ou Toxio.gal) nunha das súas viaxes por Exipto
Sergio Casal e Nuria Espasandin (ou Toxio.gal) nunha das súas viaxes por Exipto
A volta ao mundo comeza en Vimianzo

Aló van. A vimiancesa Nuria Espasandín xunto co oleirense Sergio Casal, comezan en outubro unha experiencia vital: un ano para percorrer o mundo. Fano co ánimo de descubrir realidades diferentes, e de contalas, xa que irán debullando as súas vivencias a través do portal toxio.gal.

El é xornalista e apaixoado da fotografía, e ela xurista e activista polos Dereitos Humanos, e xa a coñecéramos aló por 2013, aínda moi nova, cando escribía no seu propio blog de moda.

Agora xa están de preparativos, porque a viaxe comezará o 21 de outubro cun billete de ida a Bulgaria, e continuará durante os próximos meses por toda Asia. Unha viaxe, por agora autoxestionada que “nace das nosas ganas de vivir aventuras polo mundo”, explica a vimiancesa.

“Como nos gusta puntualizar, moita da xente que se sume neste tipo de aventuras faino por crer non estar no lugar adecuado, estar perdido e todo iso. Eu mesma o fixen cando decidín tomarme un ano sabático fai catro anos. Pero esta aventura é moi diferente: adoramos a nosa vida en Galicia e somos moi felices aquí, pero cremos que hai moitísimo que vivir aí fóra e queremos ir descubrilo. E non atopamos mellor maneira de exprimilo ao máximo que crear toxio.gal onde podemos extender ao máximo ás nosas paixóns (a escritura, a fotografía, o espíritu crítico, o aprender infinito…)”, explica.

Por iso queren contalo todo, sempre desde un punto de vista ético e comprometido. ”A idea é que non sexa un blog de viaxe sobre rutas e lugares bonitos sen máis, se non que sexa un lugar no que transmitir moito máis sobre as nosas viaxes”.

A viaxe vai en clave de aventura e “un pouquiño ao tolo, si: non sabemos nin que países, nin canto tempo, nin sequera cantos continentes. E queremos deixala así ao tolo. Dende aquí non podemos saber se isto non funciona e ao mellor en seis meses estamos de volta. Ou se pola contra nos atopamos comodísimos no camiño e o que queremos é seguir camiñando ata a saber cando. Levamos ese horizonte completamente aberto porque somos conscientes de que a vida é así: nunca sabes. E máis nunha aventura así. Imos preparados para abrazar todo o que veña e como veña. E de adaptarnos, claro”.

En todo caso, o primeiro mes téñeno máis ou menos perfilado,pois teñen un asunto familiar que solventar na India a mediados de nomembro. De Bulgaria pasarán a Turquía, despois farán escala en Atenas, unha parada en Xordania (deixarán outros lugares de Oriente próximo como Armenia ou Palestina para outro momento), e tomarán India coa calma que merece un país que é un continente en si mesmo.

A partir de aí… quen sabe.

Así que estaremos atentos a partir de finais de outubro (xa podedes ir botando un ollo en toxio.gal pois andan compartindo experiencias xa vividas polo mundo), para ir coñecendo esas historias, s con Fotografía, artigos, vídeo e reportaxes sobre os novos mundos.

TOXIO en San Juan de GAZTELUGATXE
Toxío en San Juan de Gaztelugatxe

Comentarios