A ciencia do cotián, un repaso ao primeiro libro de Jorge Mira

22:29 27/10/10

Crónica do libro: A ciencia é aburrida?
No prólogo o catedrático de Medicina Legal e Forense da Universidade de Santiago, Ángel Carracedo, falando da importancia de divulgar a ciencia, asegura que “quen mellor para contar cousas da ciencia que Jorge, que non só é un divulgador nato, un dos mellores que nunca oín, porque vive a ciencia e sabe contala de xeito ameno e aínda por riba con chispa, de forma simple, pero á vez con rigor; senón que ademais conta as cousas como todo o mundo fala”. Jorge Mira recolle neste manual unha interesante serie de aspectos científicos en correcta harmonía coa vida cotiá e faino logo de que, tanto o autor como a editorial, tratasen de dar resposta a unha pregunta básica: a ciencia é aburrida? Mira demostra neste libro que a ciencia, ademais de achegar coñecementos, pode ser unha fonte de entretemento que non pertence ós territorios das idades nin ten fronteiras. Ofrece a posibilidade de descubrir realidades que nos rodean, enfocadas desde o punto de vista científico e achegar respostas a preguntas que milleiros de veces nos fixemos os profanos sen acadar solucións. Neste ano Xacobeo 2010, cantas veces pensamos no mecanismo de funcionamento do botafumeiro? Cantas noticias, películas e fotos saíron nos medios deste incensario único no mundo? Jorge Mira achega respostas e curiosidades científicas sobre un instrumento pensado para afastar os malos cheiros da catedral compostelá no pasado, convertido agora nun símbolo das peregrinacións e de Compostela. Pero tamén hai nas páxinas do libro respostas tan interesantes para actualidade como saber por que o bilingüismo protexe a nosa saúde. Jorge Mira amosa un enxeño narrativo fresco e amable en sesenta e tres propostas, verdadeiras curiosidades da vida, explicadas pola ciencia máis seria e mellor razoada. Un libro cheo de sorpresas e enigmas que poden resultar divertidos por insólitos, como son a posibilidade de saber que temperatura hai, segundo datos tirados da Biblia, no ceo ou no inferno, seguindo os pasos de Galileo Galilei, que xa estudara a estrutura do inferno imaxinado por Dante. En definitiva este libro/manual é un bo instrumento para entreter e aprender. Unha boa proposta válida para todas as idades.Novas relacionadas
- Presentación do libro A Ciencia no punto de Mira.
- Jorge Mira e a Fundación Eduardo Pondal, premiados polo Padroado Fogar de Bergantiños.
- Jorge Mira achega a Hawking ata á fin do mundo.
- Jorge Mira fai do pregón da Xunqueira 2008 un xogo de letras.
- Entrevista de Jorge Mira en QPC: Pequenas consultas para Jorge Mira.
Fonte
- Redacción de QPC ( Info@quepasanacosta.gal).