Mércores. 11.12.2019
El tiempo

A estación da ITV de O Allo inspecciona 257.000 vehículos desde a súa apertura no 2012

A estación da ITV de O Allo inspecciona 257.000 vehículos desde a súa apertura no 2012
Estacion_ITV_OAllo_Zas No que vai de ano xa se realizaron na estación da ITV de O Allo máis de 11.700 inspeccións de vehículos O próximo 3o de abril cumpriranse 7 anos dunha das mobilizacións máis concorridas das que se recordan en Baio e na que 3.000 de veciños, empresarios e políticos da comarca reclamaban a "ITV xa!" no polígono do Allo tal e como prometera a Xunta de Galicia no 2008. Hoxe, o goberno do concello de Zas - liderado por Manuel Muíño e que sempre encabezou a loita por poñer en marcha este servizo - fai balance. Dende a súa posta en funcionamento, o 5 de xullo de 2012, a estación da ITV instalada no polígono de O Allo non parou de medrar tanto en número de revisións de vehículos como na creación de postos de traballo. Durante estes escasos seis anos de funcionamento leváronse a cabo 257.000 inspeccións e o número de traballadores incrementouse nun 250%, xa que pasou de 4 a 14. O alcalde de Zas apunta que os datos poñen de manifesto a importancia do servizo para o municipio de Zas e para toda a Costa da Morte, como sempre defendeu o executivo local. “A ITV foi un dos investimentos máis importantes da historia do noso concello, pero, máis alá do desembolso económico, a importancia do servizo radica en que creou postos de traballos directos e indirectos e evita o trastorno que lle supoñía á veciñanza desprazarse até Arteixo ou Santiago de Compostela para realizar un trámite tan importante para a seguridade viaria como é a inspección técnica dos seus vehículos”. Manifestacion-ITV-Baio O 30 de abril de 2011 veciñanza, empresarios e políticos de toda a comarca reclamaban a instalación da ITV en Baio prometida pola Xunta no ano 2008 Ano a ano, o número de inspeccións na ITV de O Allo medraron de forma exponencial. Pasaron das 31.984 inspeccións durante o ano 2013 ás 59.050 que se realizaron o ano pasado. E os datos continúan en aumento, xa que no que vai de ano (do 1 de xaneiro ao 31 de marzo) xa se realizaron na estación de O Allo unhas 11.700 inspeccións. Segundo sinalan dende SYC-ITV Applus - empresa encargada da xestión da estación - o 68,52% das inspeccións realizadas dende os inicios corresponden a turismos; case o 19% a vehículos de mercadorías lixeiras, tales como furgóns e furgonetas de menos de 3.500 quilogramos, e case o 5% das inspeccións realizáronse a vehículos agrícolas. De 4 a 14 traballadores Estacion_ITV_OAllo_Emprego A plantilla da estación de O Allo incrementouse nun 250% nos escasos seis anos que leva activa Como consecuencia do aumento do volume de revisións tamén se incrementaron considerablemente o número de postos de traballo directos. A estación de O Allo abriu con dúas liñas de inspección directas –unha de turismos e outra universal– e cun equipo formado por 4 persoas – 3 encargadas da realización das inspeccións e unha da área administrativa -. O horario inicial era de luns a venres, de 09:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00, o que supoñía un total de 41 horas e 25 minutos á semana. Actualmente, a estación de O Allo conta cunha plantilla formada por 14 persoas –10 encargadas da inspección en nave, 3 administrativas e 1 ordenanza que pertence a un proxecto de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual-. O horario actual de atención ao público é de luns a venres, de 08:00 a 21:00, e os sábados de 08:00 a 14:30 horas, o que supón un total de 71 horas e media de atención ao público á semana. Cada vez tamén se amplía máis a área de procedencia dos clientes, que chegan dende toda a comarca de Soneira e de moitos outros puntos da de Bergantiños e Xallas. Carballo, Mazaricos, Santa Comba e incluso Muros son algúns dos puntos xeográficos dende os cales se desprazan usuarios/as á estación de O Allo. As inspeccións periódicas obrigatorias son un factor directamente relacionado coa redución da sinistralidade viaria. Segundo o informe Contribución de la ITV a la seguridad vial, elaborado pola Universidade Carlos III de Madrid, o labor preventivo das estacións de ITV evitan 11.000 accidentes de tráfico en todo o territorio nacional ao longo dun ano.    

Novas relacionadas

Fonte

 

Comentarios