Histórica noite no Mercado de Abastos de Muros coa Banda do Peixe homenaxeando á memoria roqueira da vila
Tremenda a aposta da familia do ACDR Praia do Castelo por encher o mercado de música, que tamén é alimento!
O Mercado de Abastos de Muros quedou pequeno na noite de onte coa actuación de A Banda do Peixe. A nova sesión do ciclo ciclo Sons no Mercado convertíase nunha auténtica celebración da música muradá e da súa memoria.
O espazo encheuse por completo para asistir a unha proposta única, na que máis de 20 voces subiron ao escenario nun formato que conseguiu emocionar ao público de principio a fin. Durante aproximadamente unha hora e media, o concerto fixo un percorrido pola historia musical da vila, recuperando cancións de bandas que forman parte do imaxinario colectivo de Muros.
Soaron temas de Os Miúdos, Estampida, Trapos Sucios, Terbutalina, The Rapants ou Lisdexia, entre outras formacións, nun repertorio que combinou diferentes épocas e estilos, mostrando a riqueza e diversidade da escena musical ao longo dos anos.
Máis alá do musical, a cita converteuse nun acto profundamente emotivo, no que se mesturaron lembranzas, reencontros e unha forte sensación de identidade compartida, nun ambiente de proximidade e complicidade que fixo do concerto algo difícil de repetir.
Sons no Mercado, éxito total
Dende a ACRD Praia do Castelo valoran moi positivamente o desenvolvemento da actividade, destacando tanto a resposta do público como o compromiso e a enerxía de todas as persoas implicadas no proxecto. A entidade quere agradecer especialmente a todas as músicas e músicos que formaron parte de A Banda do Peixe, facendo posible unha proposta tan especial, así como ao público asistente polo seu apoio.
Este concerto reafirma o espírito do ciclo Sons no Mercado, que continúa consolidándose como un espazo de referencia para a música en directo en Muros, contribuíndo a dinamizar o Mercado de Abastos como lugar de encontro cultural e social ao longo de todo o ano.



