Xoves. 03.12.2020
El tiempo

A información sobre a parroquia de Baio incorpórase a "Zas polo miúdo"

A información sobre a parroquia de Baio incorpórase a "Zas polo miúdo"
mural-foliada-ies-baio Dende fai uns meses, o mural "Regreso á foliada II" ocupa unha das fachadas do IES de Baio. Imaxe: Evaristo Domínguez Coa incorporación dunha primeira parte da información sobre a parroquia de Baio, o proxecto "Zas polo miúdo" vai chegando ao seu fin. A información sobre a parroquia de Baio, elaborada por Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema, está dividida en dúas partes. Na primeira repásanse os aspectos xerais, tales como a xeografía, xeoloxía, demografía, textos, referencias históricas e outros feitos de interese ou curiosidades. Esta información xa pode consultarse a través da páxina web municipal. Nunha segunda parte da información sobre a parroquia de Baio, que se subirá á rede o próximo mes de setembro, abordaranse as manifestacións artísticas presentes nas dúas igrexas da parroquia, persoeiros baieses, festas e inventarios de bens do patrimonio artísticos e arqueolóxicos. Baio está situado no extremo NO do concello de Zas sendo Fornelos o punto que se sitúa máis ó oeste de todo o concello e o segundo dos que están máis ó norte. A parroquia de Baio linda con outras parroquias de tres concellos: Borneiro (Cabana de Bergantiños), Sarces e Nande (Laxe), Salto e Bamiro (Vimianzo) e coas de Lamas e O Allo, dentro do propio concello de Zas. A súa extensión é duns 8,8 quilómetros cadrados e a 1 de xaneiro de 2017 contaba cunha poboación de 1.192 habitantes. A parroquia está composta polos lugares de Agreanas/A Braña, Baio, Baio Pequeno, A Cacharosa e Fornelos; ultimamente tamén se fala dos núcleos menores de Campo do Rollo, O Chamberín e Su a Agra. A orixe etimolóxica do propio nome da parroquia, Baio, é bastante discutida, e barállanse varias propostas: nome dun posesor romano (Badius) ou lugar de paso dun río (vadu), ó que se lle engadiría un “i” epentético. Durante moitos anos houbo alternancia entre o uso do “b” e do “v” ou do “i” e o “y”. Os outros nomes de lugar parecen ter unha orixe moito más clara. O documento máis antigo do que hai constancia que apareza o nome de Bayo data de 1452. Feitos importantes Neste primeira parte relativa á parroquia de Baio tamén se fala do progreso desta parroquia grazas a distintos aspectos, tales como a mellora das comunicacións (coa construción da ponte de Baio e a da Cacharoza) e a potenciación da feira da Piroga. Na documentación aparecen outros feitos curiosos como a existencia dun campamento militar a carón da ponte Lodoso entre os anos 1943 e 1944, unha folga xeral en toda a parroquia e unha das manifestacións máis grandes a nivel comarcal para reclamar a construción da estación da ITV. Toda esta información pode consultarse de forma detallada na páxina web do concello de Zas.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios