O ciclo "Música nas Torres" enche de arte o pazo máis antigo de Galicia
As Torres do Allo inauguran esta semana dúas das súas propostas culturais máis agardadas da época estival: o ciclo "Música nas Torres" e as emblemáticas visitas teatralizadas. Ambas as dúas iniciativas volverán encher este histórico espazo patrimonial de música, teatro e divulgación durante a tempada de verán, consolidando o pazo máis antigo de Galicia un ano máis como un dos principais escenarios culturais do verán na Costa da Morte.
Sábado 4 de xullo: O son de Boroa
A primeira cita do calendario será este sábado 4 de xullo, ás 20:00 horas, co concerto do trío Boroa, encargado de abrir unha nova edición de "Música nas Torres". Este proxecto musical, liderado por Sabela Olivares, Alberto Millán e Suso Bello, ofrece un directo fresco nun enclave singular, combinando patrimonio e vangarda nunha experiencia pensada para todos os públicos.
Boroa explora a versatilidade da gaita e a súa adaptación ás sonoridades do século XXI. Cun repertorio maioritariamente de creación propia, o grupo constrúe unha viaxe musical que parte da tradición galega para dialogar con estilos como o swing, o jazz manouche ou o ragtime. O seu espectáculo combina composicións orixinais con versións de música contemporánea, bandas sonoras e pezas das tradicións irlandesa e romanesa, reivindicando a música como unha linguaxe universal.
Domingo 5 de xullo: "Pazos da Terra" cos Quinquilláns
A programación continuará o domingo 5 de xullo, co esperado regreso das visitas teatralizadas, que se desenvolverán todos os domingos ás 19:30 horas. Da man da recoñecida compañía Os Quinquilláns, o público poderá descubrir o pazo a través do seu espectáculo, "Pazos da Terra".
Nesta proposta interactiva, os actores darán vida a personaxes fundamentais da historia do complexo: Francisca Riobóo, a primeira herdeira muller do pazo, e Victor López Seoane, considerado o naturalista galego máis importante de finais do século XIX. Trátase dunha oportunidade única para coñecer o pazo dunha forma divertida, rigorosa e participativa, onde o humor e o rigor histórico van da man.