Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Adro de Baio presenta o disco “Cantando os 40” na súa II Foliada

II Foliada de Baio
Adro de Baio presenta o disco “Cantando os 40” na súa II Foliada

A Asociación Cultural Adro celebra este sábado, 2 de decembro, a súa Foliada, que nesta segunda edición aproveita para presentar un proxecto discográfico que se iniciou con motivo dos 40 anos da entidade, celebrados precisamente na primeira edición da Foliada.

O disco foi concibido como unha "foto fixa da Asociación", cuxa escola de música tradicional leva funcionando desde pouco despois da súa fundación, con repertorio propio dos grupos e outros arranxos e composicións inéditos. O deseño gráfico e fotografía correron a cargo de membros da propia asociación e afondan na perspectiva da transmisión da nosa cultura que desde as asociacións se fai para reforzar a que desde vello se fixo de pais e avós a fillos.

O disco poderá adquirirse, en formato digipack, con libreto de 12 páxinas, que terá un prezo de 12€.

A Foliada

Así, o evento dará comezo ao serán, ás 20.00h coa presentación e actuación das agrupacións da Asociación participantes na gravación, realizada no estudo A Ponte de Compostela. Despois dunha breve introdución, os grupos Millo Miúdo, Chamberín e Rueiro da Cancela interpretarán a totalidade dos temas que se poden escoitar en formato CD e que se porá á venda no mesmo día.
Desde as 21.30 h. irá pasando unha nutrida representación das agrupacións da bisbarra, e unha vez finalizada a quenda de “Serán”, iniciarase a tradicional foliada libre ata que o corpo aguante. Ao longo da noite sucederanse os sorteos de unidades limitadas do disco en formato USB, e estará a barra aberta para repoñer enerxías.

Comentarios