Alicia Novás estrea Clínica de Postu-Podoloxía: “Necesitaba espazo para poder exprimir a miña profesión”
Alicia Novás, a podóloga natural de Santa Comba, vén de estrear a súa nova Clínica Novás en Baio, un espazo de podoloxía pero tamén de Control Postural, xa que está especializándose en podo-posturoloxía, “unha forma integrativa de valorar o paciente. É un mundo que me está sorprendendo moito porque me está permitindo mellorarlle a calidade de vida a xentes que antes non podería”.
”Non puiden ter máis sorte, de empezar, con apenas 22 anos, compartindo instalacións cunha fisioterapeuta como Berta Reimúndez, da que tanto aprendín, e despois con Sabela e David, aprendendo a xestionar o espazo, a traballar en equipo… e mesmo nivel económico é unha sorte compartir gabinete. Pero a pandemia deixoume claro que necesitaba espazo para poder exprimir a miña profesión”, sentenza.
Pero polo de pronto xa está xerando 2 postos de traballo, dúas auxiliares de clínica, que collen chamadas, fixan citas, reciben e acomodan á xente, limpan as salas… “Non busco unha cadea de produción, quero calidade, e para iso teño dúas grandes profesionais, e este local, que é luz”, di mirando á pereira á que dá o gran ventanal da sala de posturoloxía só iluminada con luz natural.
Sala de posturoloxía: Moito máis que pés
”Esta sala é a miña nena bonita”, sinala orgullosa da sala na que fai a valoración integral dos clientes. “A valoración consta de 3 partes: un interrogatorio de 20 a 30 minutos, descubrindo dende onde veñen os problemas, preguntando sobre problemas visual, dixestivos, nos dentes, mareos… Mesmo os tatuaxes ou pierceing son neste eido, un axente estrano que estamos metendo no corpo, e pode ser que parasite todo o sistema”, explica. “Imos collendo todos eses datos para que vaia encaixando as casillas do esquema xeral de cada paciente. Con todo iso en conta, comprobamos canto lle inflúen os pés no seu día a día, e valoramos a súa postura, canto lle custa ao meu corpo xestionar o meu día a día. Aí determinaremos as disfuncións, e comprobaremos dende o pé, que é o meu campo de traballo, como podo colocar un pequeno estímulo, que provoca un cambio no seu corpo”.
Aí entran as plantilas posturais, para ela toda unha revolución coa que está conseguindo uns resultados espectaculares nos seus pacientes de todas as idades. Ponnos exemplos:
”Comecei a facer valoracións durante o confinamento, e citei uns pacientes que tiña con plantillas biomecánicas que non acaban de solventarse, e en 8 de 10 o cambio foi brutal coas plantillas posturais. Tiña un corredor da Costa da Morte, que sempre que corría ou adestraba, tiña síntomas do Neuroma de Morton, unha sensación de adormecemento entre o 4º e o 5º dedo do pé, o que lle impedía adestrar, competir e disfrutar das carreiras, e a frustación que xenera verte limitado por unha dor. Tivera plantillas ortopédicas, biomecánicas con outros podólogos, biomecánicas comigo… íanlle ben unha temporada e despois volvía. Probamos as plantillas posturais, unhas plantillas planas cunha base de resina, de menos de 3mm, personalizadas, e o efecto foi boísimo”, conta.
Alicia explica a diferencia entre os dous tipos de plantillas. "As plantillas biomecánicas conseguen un efecto, unha corrección máis local, máis centrado no pé. A postural o que se vai centrar é en non xerar cambios estruturais no pé, pero utiliza o pé, para dar unha sinal, xerando un estímulo neurosensorial para facer un cambio reflexo no corpo da persoa".
E pon outro caso, o dun rapaz de 30 e poucos, moi deportista (sendeirismo, correr, bici…) pero tiña unha dor que non lle permitía facer máis de 5km, o que para el era só o quecemento. “Comezamos coas posturais, e o resultado foi espectacular. A día de hoxe, 2 meses despois, corre unha media de 10km sen dor”.
Ten tamén pacientes maiores, que comezan a sentirse torpes, e sobre os que sempre hai que facer unha valoración integral. Ou pacientes miúdos. “O paciente máis pequeno, de 3 anos, era dos que caía continuamente, 3 ou 4 veces de camiño ao cole. É unha valoración complicada, pero probamos con unhas posturais e o cambio foi sorprendente, e nas dúas primeiras semanas as caídas desapareceron.
Proceso positivo de construción
Hai moitas cousas do cambio que lle están devolvendo a alegría. E non son as axudas das administracións, demasiado centradas nos prazos e nos papeis, e pouco nas necesidades dos empredendores. Foi o proceso de construción da Clínica.
”Disfrutei mogollón do proceso de deseño, de obra… da relación interpersoal e imterprofesional co mundo obreiro. Estou superorgullosa de cada profesional que traballou aquí”, explica. “Eu quería deixar aquí os meus cartos na xente da volta, porque teño familia en Santa Comba que me puido ter axudado, como a miña curmá Rosa Facal, pero quixen dar traballo a quen me dá traballo”.
E así foi: o baiés Marcos Martínez foi o arquitecto; a carpintería interior foi obra de Davicar, de Zas; a carpintería exterior veu de Ponteceso con Pérez Candela; o electricista de Canduas, Collazo; fontanería con Carlos Gavín, de Baio; as ventanas de Apligasa, de Cabana, co bo trato de Rubén e Joaquín; albañilería de Fornelos, da man de Óscar; e os vinilos, "por relación persoal cunha das traballadoras e que sempre me falou ben do seu xefe", Novoneón de Brión, que “xeraron un ambiente especial na obra os días que estiveron”; Jorge de Clifrinor; Miñones co tabicado e illamento e José Manuel con xesos e morteros no peche da terraza.
Tamén fixo gasto nos establecimentos da volta: os estores e as cortinas son feitas en Baio da man da tenda Telar de José Manuel; a pintura e outros produtos foron mercados en Avicor, cos consellos de Pablo; e a decoración vexetal de Costaflor, da man de Martina e Carlos. Outros elementos foron adquiridos en tendas como Mavic, de Vimianzo; Maro Decoración de Cee, ou electrodomésticos Javi Díaz.
Asunto aparte merece a pintura… “A pintura ensinoume que non debes infravalorar o traballo dos profesionais… Intentámolo pero acabamos sucumbindo e pedimos socorro a Luís e Paco que viñeron salvarme a vida.”
"Teño tamén que dar gracias a toda a miña familia, especialmente á miña nai, e a tod@s @s amig@s que puxeron o seu tempo e a súa axuda e acompañamento nestes dous anos", remata.
Contacto
Xa leva máis dunha semana atendendo na nova Clínica, sita na Avda. Xeneral Vidal Riós, Nº16, de Baio-Zas. Podedes contactar no 697 92 87 80 ou en [email protected], ademais de seguila nas redes sociais, no IG @clinicanovasbaio e no Facebook Alicia Novás Podóloga.