luns. 20.10.2025
El tiempo

O PSOE de Zas pon en marcha o Premio Isabel Suárez Amado

PSOE ZAS homenaxe ISABEL SUÁREZ
O PSOE de Zas pon en marcha o Premio Isabel Suárez Amado

Emotiva xornada a vivida na Casa do Pobo de Zas, onde PSdeG-PSOE da localidade quixo render homenaxe a Isabel Suárez Amado, unha figura clave do tecido asociativo da vila, falecida no ano 2018. O grupo pon en marcha un Premio co seu nome co obxectivo de “seguir co seu legado e mantela sempre no recordo, a modo de homenaxe permanente”, coincidindo co Día da Muller Rural.

Así o deu a coñecer a secretaria xeral da agrupación socialista local Sheila Rial. A distinción será entregada “a unha persoa que realmente o mereza, unha persoa que, en honra do nome deste premio, a través da cultura, do deporte, da política, do asociacionismo ou da tradición, traballase, traballe e siga traballando por transformar a vida de Zas”.

A primeira edición deste premio foi para a propia Suárez Amado “polo seu gran traballo, por ser un exemplo para a comunidade, por desempeñar a súa labor con lealdade e sacrificio, pola súa alegría e para agradecerlle absolutamente todo o que fixo”, e foi recollido por súa nai Élida.

Élida, a nai de Isabel Suárez Amado durante o acto
Élida, a nai de Isabel Suárez Amado durante o acto

A homenaxe celebrada o pasado sábado contou coa participación de veciñas e veciños, familiares, amigos e amigas, compañeiras e compañeiros de partido. Foi un acto “respectuoso, afectuoso e emotivo”, no que ademais de Sheila Rial interviron Rosa Arcos, secretaria xeral da asociación de mulleres rurais FADEMUR, e Bernardo Fernández, secretario xeral do PSdeG Provincial.

Tamén estiveron presentes Silvia Longueira e Aitor Bouza, membros do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento galego. Ademais, compañeiros e compañeiras do grupo de Sen Tempo Teatro e de San Cremenzo, así como excandidatos socialistas de Zas que compartiron lista con Suárez Amado, participaron nun vídeo que serviu como homenaxe audiovisual á zaseira.

Sheila Rial agradeceu a presencia de todas e todos por “acompañar neste acto e compartir este momento tan bonito e de respecto e cariño”, destacando en especial “á súa nai, Élida, por permitirnos facer a homenaxe e polo cariño e o apoio recibido, e á propia Isabel, por todo o feito e polo legado que deixa”.

“Despois de toda a súa dedicación como muller do rural que adicou a súa vida a mellorar a súa vila, a facer comunidade e a deixar pegada, isto non podía quedar nun só día, meréceo porque é un exemplo a seguir”, conclúe Rial.

PSOE ZAS promove homenaxe

Isabel Suárez Amado

Isabel, natural de San Cremenzo de Pazos, foi unha persoa implicada de cheo na vida social e cultural de San Cremenzo e de Zas en xeral. Desde moi nova, Isabel estivo vinculada á cultura, formou parte da Escola Municipal de Teatro de Persoas Adultas de Zas e tamén ocupou numerosos cargos nas comisións de festas e na Asociación de Veciños da súa parroquia. Estivo vinculada ao PSOE de Zas dende 1995, e estivo nas listas do partido durante varias lexislaturas consecutivas. O seu falecemento en 2018 deixou unha enorme consternación en todo o municipio.

ISABEL SUÁREZ AMADO Zas
Isabel Suárez Amado

Comentarios