O alumnado do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas xa pode anotarse no programa de madrugadores
Coa colaboración das ANPAs, o Concello de Zas vén de abrir o prazo para anotarse no programa de Madrugadores para o curso académico 2024-2025 co que dende o consistorio indican que se pretende facilitar a conciliación laboral e familiar da veciñanza". Este é un servizo dirixido ao alumnado do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas para que as familias teñan a opción de que os seus fillos/as entren no centro antes do inicio das clases. O servizo prestarase - sempre e cando haxa un número mínimo de usuarios/as - desde o vindeiro 11 de setembro, coincidindo co inicio das clases, até final de curso.
O servizo ofrecerase os días lectivos, en horario de 07:30 a 09:30 horas, sendo as 09:00 horas a última hora de entrada. Tamén cabe a posibilidade de almorzar durante este tempo e, neste caso, terán que levar o almorzo da casa ao igual que o fan coa merenda do recreo. Os nenos e nenas serán atendidos por persoal cualificado que estará financiado polo
Concello de Zas.
O servizo de Madrugadores pódese usar de forma continuada (o curso completo); temporal (por meses ou semanas); ou de xeito ocasional (un ou varios días concretos). Para as familias, este servizo ten un custo de 20€ ao mes e aplicaranse reducións para o 2º fillo/a e seguintes para as familias monoparentais.