Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Antía Muíño: “Usar o galego na música é ás veces case un acto político”

Antia Muino na sua casa
Antía Muíño: “Usar o galego na música é ás veces case un acto político”

De Baio a Times Square. Así vai a carreira meteórica de Antía Muíño. Se ben se criou en Santiago, a súa vinculación con Baio e Cee é constante. Así que queremos ter unha conversa completa con ela para coñecela unhas semanas despois de que o seu novo disco aparecese nunha das grandes pantallas do epicentro do mundo.

 
  • QPC: Bueno, unha baiesa en Times Square… Que significa aparecer nunha desas pantallas do centro do mundo?

É unha pasada, algo que nunca chegaría a imaxinar e que aínda me custa asimilar. Que un proxecto como o meu, independente, pequeno, facendo unha música que en certo modo se alonxa do circuíto máis "mainstream", chegue a representar a toda unha xeración de mulleres no Estado, é un logro moi grande.
A miña canción "Terra", un tema no que adapto un poema de Manuel María, comparte espazo con Rosalía, Mónica Naranjo, Vanesa Martín, Rigoberta Bandini... nomes moi fortes da industria. E que ademais apareza en Nova Iorque, nun dos lugares máis importantes do mundo, é algo insólito; sinto que podo chegar a onde queira coa miña música e iso, para unha artista, é unha das cousas máis importantes.

Síntome moi afortunada e véxoo como unha recompensa ao traballo que fixen non so con Carta Aberta, o meu primero disco, senón tamén en relación á miña carreira que, aínda que curta, sinto que está sendo moi intensa.

 
  • QPC: Que é o #spotifyEqual? Por que che fan embaixadora?

É unha playlist que recolle música feita por mulleres e hai unha en cada país do mundo. A min escolléronme como embaixadora do mes de decembro, como representante do talento feminino no Estado. Ao resposta ao porqué non cha sei exactamente. O que está claro é que lles gustou o disco debut e que os sinxelos que fomos sacando como adianto funcionaron ben na plataforma, acadando moitas reproducións. Supoño que están vendo un potencial polo que apostar.

 
  • QPC: Antes de continuar, volvamos un pouco aos inicios. Porque… Nótase que hai moita tradición detrás de cada canción, verdade?

A música tradicional é un gran referente para min, e a miña maneira de cantar sinto que en parte bebe de aí.

 
  • QPC: Como comezaches a cantar? Cando soubeches que querías dedicarte a isto?

Dende nena cantaba todo, calquera cousa que me puxeran ou que escoitara na casa, na radio, etc... Lémbrome sempre escoitando música e cantando.
Sempre formou parte da miña identidade. Sen embargo, o de adicarme a isto profesionalmente, aínda que veño estudando música de xeito profesional dende os 12 anos, vén de relativamente hai pouco. Comecei a compoñer e compartir os meus temas co mundo hai uns dous anos.

 
  • QPC: Cando fai click a túa carreira e se dispara da aldea ao mundo?

Nese sentido, para min é igualmente de importante a "aldea" que o "mundo". Dende o pequeno construímos o grande. Eu teño claro de que quero facer música para todo o mundo, e nunca vin fronteiras nese sentido. De feito, os primeiros lugares onde empecei a tocar de xeito profesional, non foron en Galicia, e fíxeno co mesmo tipo de música que escoitas agora: en galego e cunha impronta forte da tradición galega.

 
  • QPC: Hai un par de meses que Mellor Artista Emerxente dos Premios Martín Codax? Que significou para ti?

Foi unha sorpresa tremenda. Foi antes de sacar o disco e deume moitos azos. Un premio elixido por un xurado profesional que, de entre toda a valiosa e preparada escena galega, escolleu o meu proxecto como o mellor Artista Emerxente. Estou profundamente agradecida.

 
Antia Muino
A portada de Carta Aberta
  • QPC: Non hai moito que saíu. Que contas no teu primeiro álbum “Carta Aberta”?

Quixen que Carta Aberta recollese como me sinto eu a nivel musical, que se reflectise a miña maneira de entender a música, que é levala fóra dos clichés dos xéneros, explorar os límites entre eles e mudalos. Porque eu síntome así, cómoda en lugares moi diferentes.

 
  • QPC: 1 millón de escoitas o single xa… aí é nada??

Si, Carta Aberta (o sinxelo) supertou xa o millón de producións. É moi forte. Sempre digo que é unha mostra de que, dende o pequeno e sendo fiel a unha mesma, pódese chegar lonxe.

 
  • QPC: Agora din que es unha das primeiras grandes voces da chamada “nova canción ibérica”, unha mestura de folk, tradición, jazz e pop de autor. Veste aí? Eu noto tamén algo de bossanova, pode ser?

Sí, todas esas influencias están aí, porque a música que escoito e que escoitei dende nena foi sempre moi diversa. E iso reflíctese inevitablemente no proceso creativo.

 
  • QPC: Escoitámoste en castelán e en galego indistintamente. En “Herba de namorar” mesmo compaxinas linguas, por exemplo. Cantar en galego ou en castelán? Como te sentes mellor?

A maioria dos meus temas están en galego por unha consecuencia lóxica: que son galega e forma parte da miña identidade, o cal continúa un pouco coa liña que sigo a nivel artístico: ser fiel a unha mesma. Isto non exclúe que poida escribir e cantar tamén en castelán, que para min é natural tamén. Son consciente de que na industria, onde se trata a música como obxecto de consumo puro e duro, decantarte por un idioma ou outro parece delimitar ao teu público. Se fago musica en galego terei este público, se emprego en castelán ou en inglés terei estoutro...

Pero, no momento no que estou, este tipo de cuestións extramusicais non me interesan nada. Non me gusta ver os idiomas como "xéneros musicais" ou como elementos que marcan unha liña de mercado pola que seguir. Quero ser completamente libre nese sentido.

Pola situación do galego, entendo tamén que empregalo na música non é unha decisión vacía de significado. Empregalo é ás veces case un acto político, un compromiso, o que mostra que quizáis non se conseguiu nin se está a conseguir unha normalización total do idioma. Cando o galego estea 100% normalizado, penso que estas preguntas non se darán. Percibo que as artistas galegas estamos máis pendientes deste asunto que o que acontece noutras escenas, por exemplo, a catalana ou a vasca, nas que moitas empregan indistintamente os dous idiomas, e non parece que isto sorprenda a ninguén.

 
  • QPC: A día de hoxe, onde vives? Como é a túa vinculación con Baio e coa Costa da Morte? Supoñemos que volves a casa por Nadal, pero fas a viaxe clásica de fin de semana a comer na casa cos avós?

Eu vivo a cabalo entre Euskadi e Santiago. A miña vinculación coa Costa da Morte é moi forte. As miña raíces están aí, en Baio e en Cee, e sempre que veño visito a zona. Para min é dos lugares máis especiais, non só polo compoñente emocional-familiar, senón tamén porque temos algunhas das paisaxes máis sobrecolledoras do mundo. Dame moita paz estar aquí.

Comentarios