En marcha a renovación do céspede do Platas Reinoso

O Concello de Zas ten previsto realizar nos vindeiros meses catro grandes obras que suman un total de 554.610,62 euros e que a día de hoxe están en proceso de licitación.
Un destes proxectos de maior importe é a substitución do céspede artificial e dos equipamentos deportivos do campo municipal Platas Reinoso de Baio. O Concello de Zas ten previsto destinar a estes traballos 264.905,89€. Segundo o informe técnico e atendendo ás queixas das persoas usuarias, a herba artificial existente que se instalou a finais do 2007 atópase en mal estado causando lesións e mala xogabilidade. Este é un campo que utiliza habitualmente o CD Baio así como as Escolas Deportivas do Concello de Zas e tamén outras agrupacións deportivas como árbitros, escola de porteiros, escolas do RCD da Coruña, seleccións da Costa,...
Outra das obras que está en proceso de licitación é a mellora da capa de rodadura no acceso a Meanos, á que se destinarán 97.121,86€. Os traballos consisten principalmente na aplicación dunha capa de aglomerado.
Nas vindeiras semanas tamén se poñerá en marcha un dos proxectos pioneiros na comarca; o Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte que se situará na parroquia de Lamas, concretamente no Parque Empresarial de O Allo. E para iso xa está na fase de avaliación a licitación da redacción do plan parcial que deberá completarse nun prazo de 12 meses e que require de diversos informes sectoriais da Xunta antes da súa aprobación definitiva. O Concello de Zas destina un total de 96.800 euros á redacción deste plan parcial.
E outra das inversións que realizará o Concello de Zas proximamente será a renovación da cuberta do pavillón municipal de Baio á que se destinará 95.782,87€. Estas obras daranlle solución á problemática actual de filtración de auga e permitirán garantir un servizo óptimo. Estes traballos súmanse á reforma realizada no ano 2020 nestas instalacións coas que se melloraron a accesibilidade e a salubridade e permitiron crear un espazo para o ximnasio municipal.