Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Baio acolle un encontro para participar na elaboración da Estratexia da Infraestructura Verde galega

Baio acolle un encontro para participar na elaboración da Estratexia da Infraestructura Verde galega

O centro sociocultural de Baio acolle esta tarde, ás 18:00 horas, un encontro de participación cidadá aberto a calquera persoa, asociación, entidade, etc. dos distintos concellos da Costa da Morte. Éste é un dos encontros que se enmcarcan no proceso de participación pública para a elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia que está a elaborar o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.

A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.
A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).
Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.
Participación
Todas aquelas persoas que non poidan asistir aos encontros presenciais poderán facer as súas achegas mediante unha consulta pública dixital que está dispoñible no seguinte enlace: emapic.es/estratexiaverde 
Fonte

Comentarios