Identifican a presunta autora de varios lumes forestais en Coristanco
![240423_UIFO_identificada_presunta autora_lumes_coristanco 2](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2024/04/23/2024042311044368243.jpg)
Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar a presunta persoa autora de varios lumes na parroquia de San Xusto, no concello de Coristanco.
O primeiro dos incendios tivo lugar o pasado 24 de marzo, malia que se observaran varios conatos previos, e dende ese día, a autora seguiu intentando queimar o monte ata o 21 de abril, cando se rexistrou o último incendio. A superficie afectada total por estes incendios foi dunha hectárea de monte, aproximadamente.
Dende o primeiro incendio os axentes comezaron a investigación que permitiu recadar as probas indiciarias suficientes para poñer a disposición xudicial a persoa que presuntamente provocou os incendios forestais. O labor dos axentes da unidade de investigación desenvólvese en estreita colaboración co resto de axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF).
A presunta autora destes lumes é unha veciña da parroquia de San Xusto. Unha vez rematadas as primeiras dilixencias, remitiranse ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Carballo.