Brandomil conta cunha nova oficina turística
A zona de Brandomil conta cunha nova oficina de información turística, coa axuda da Deputación. Así o comprobou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que visitou a nova oficina xunto co alcalde Manuel Muíño; o presidente da Fundación Brandomil, José Pérez, e parte do equipo técnico que está traballando nas escavacións.
Regueira aproveitou tamén para coñecer os traballos arqueolóxicos que están realizando na contorna da ponte romana e do xacemento romano Pedra do Altar.
Regueira confirmou a colaboración da Deputación co Concello e a Fundación Brandomil para dinamizar, durante todo o ano, a oficina de información turística de Brandomil, e contribuir así a manter este recurso aberto e a buscar estratexias de desestacionalización para o turismo da comarca.
“Na Costa da Morte contamos cun importantísimo patrimonio, como estamos vendo aquí en Brandomil que conta cun patrimonio romano moi singular, que debemos non só preservar senón tamén difundir entre toda a poboación, tamén a da nosa provincia”. Neste sentido, o vicepresidente engadiu que “Brandomil non só é historia, é tamén presente e futuro, por iso hai que divulgalo tamén entre a rapazada, que volverán despois cos seus pais a visitar este lugar único”.
Durante a visita, o arqueólogo Lino Gorgoso tamén lle trasladou ao vicepresidente o resultado das escavacións máis recentes que se están levando a cabo, neste caso na Pedra do Altar que, tal e como sinalou, apuntan á existencia, baixo a terra, dunha cidade romana que estivo habitada durante varios séculos.