As Cantareiras de Zas, protagonistas no peche do ciclo literario e cultural “Follas de Outono”
O Auditorio de Baio acolleu á tarde o acto central e de clausura do ciclo literario e cultural “Follas de Outono”, unha cita que puxo o foco na tradición musical galega baixo o título “Cantareiras: tradición e legado”.
Coma sempre, a música tradicional reuniu a unha gran cantidade público que quixo sumarse a esta homenaxe ás cantareiras e á poesía popular.
A xornada, conducida por Patricia Blanco e Álex Ínsua, comezou coa benvida de Tania Carreira, técnica do Concello de Zas, quen destacou a relevancia de continuar promovendo espazos que dean valor á cultura e á tradición oral galega.
Entre as protagonistas da tarde estivo Fina Casalderrey, membro numeraria da Real Academia Galega, que compartiu co público unha completa reflexión sobre o valor da poesía popular e numerosas anécdotas vencelladas a ela. A escritora incluso se animou a recitar algunhas coplas tradicionais, provocando sorrisos e aplausos entre as persoas asistentes.
O evento contou tamén coa participación das diferentes xeracións de pandereteiras da Asociación Cultural Adro, que interpretaron varias pezas e relataron as súas experiencias no eido da música tradicional: os seus inicios, os premios obtidos, así como colaboracións con artistas de renome como Amancio Prada ou Caamaño & Ameixeiras.
Como convidadas especiais estiveron Clarisa Santos e Matilde Ferreiro, dúas veciñas de Pudenza que gardan na memoria un rico repertorio de cancións galegas populares, achegaron a súa voz e sabedoría, converténdose nun dos momentos máis emocionantes do acto.
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, foi o encargado de pechar o acto destacando o valor das nosas cantigas e da nosa lingua.

Libro de Honra
Antes de que comezase o acto, o Alcalde recibiu a Fina Casalderrey na Casa do Concello de Zas onde tivo a ocasión de coñecer o noso municipio máis polo miúdo e de asinar no Libro de Honra. Casalderrey tamén visitou o monumento adicado a Enrique Labarta Pose así como a exposición que recolle unha boa parte da súa obra e legado.


