O Concello de Zas aproba a RPT e a reforma da Praza do Campo
A Relación de Postos de Traballo, que serve para fixar o plantel de persoal municipal, sempre é un dos cabalos de batalla en todos os Concello.
Por iso p Concello de Zas quere anunciar a aprobación hoxe, nun pleno extraordinario, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a ordenación, planificación e racionalización dos recursos humanos da administración local. "Un documento para dotar ao Concello dunha estrutura de persoal moderna e ben organizada", asegura o alcalde Lolo Muíño.
A RPT é o resultado dun proceso de negociación sindical no que participou Comisiones Obreras, no marco dun diálogo aberto ao conxunto das organizacións sindicais con representación, que foron formalmente convidadas a tomar parte nas negociacións. Este proceso permitiu avanzar cara a un modelo organizativo máis moderno, adaptado ás necesidades actuais do Concello e aos retos de futuro da administración local.
Renovación da Praza do Campo a través do POS+ Adicional
Do mesmo xeito, o Concello de Zas aprobou tamén a súa participación no POS+ Adicional da Deputación Provincial da Coruña, co obxectivo de levar a cabo un importante investimento nun espazo público central do municipio.
En concreto, a corporación municipal acordou solicitar a aplicación da achega provincial asignada ao financiamento do proxecto de renovación e mellora da accesibilidade da Praza do Campo, en Zas, cun orzamento total de 685.223,39 euros, que inclúe tamén a correspondente achega municipal e a colaboración da Xunta de Galicia.