Detido un empresario de Zas pola venda fraudulenta de ducias de vehículos
- Vendera o vehículo en varias ocasións sabendo que o propietario morrera.
- Impútaselle os delitos de estafa e falsidade documental.
Un empresario de Zas, que xa tiña antecedentes policiais por feitos similares e sendo condenado en varias ocasións, vén de ser detido, como presunto autor dos delitos de estafa e falsidade documental na venda de decenas de vehículos no marco da chamada Operación Triada.
Cómpre deixar claro que non pertence a rede de Feirauto, e de feito nin o concesionario implicado está en activo nestes momentos. Pero segue realizando particularmente compra e venda de vehículos.
Foi o propio empresario o que iniciaba a operación presentando unha denuncia na Garda Civil, afirmando que lle sustraeran un vehículo do seu concesionario. No momento da denuncia, os axentes xa comprobaron que a documentación presentada para o vehículo presuntamente subtraído non correspondía ao propietario que figura na base de datos, xa que o propietario falecía desde 2020.
Arrincaba aí unha investigación, e pronto viron que o vehículo en cuestión fora vendido desde a morte do seu propietario en máis dunha ducia de ocasións. O agora detido ofrecía o vehículo e unha vez alcanzado un acordo económico, cobráballe por adiantado o cobro do traslado sabendo que non o ía realizar trámites como o do cambio de titular. Aí, cando o comprador quería devolvelo, o empresario só devolvía parte dos cartos, “obtendo indebidamente un beneficio económico”, como sinala a Garda Civil.
Sinalan que mesmo varios dos compradores realizaron diferentes melloras e reparacións no vehículo en cuestión, devolvendo en ocasións o vehículo en mellores condicións das que o compraran, pero sen recibir a devolución completa do gasto.
A investigación demostrou que o empresario tamén manipulara o contakilómetros de máis dunha ducia de vehículos que vendera, chegando nalgúns casos a unha diferencia de 200.000 quilómetros. Tamén se puido saber que realizara diversos contratos de compravenda de vehículos a nome doutras persoas, utilizando os seus datos, fotocopias do DNI e falsificando as súas firmas sen que eles o saiban.
”Estes feitos provocaron multitude de problemas en diversos organismos da provincia pola incongruencia da documentación presentada e que en ocasións non abonaban a cantidade de diñeiro que lles correspondía polas transferencias realizadas”, explica o Equipo Roca durante a súa detención e posta a disposición do Xulgado de Corcubión.