A enerxía transformadora do proxecto #Aosondelas nun disco sen igual

O mércores arrinca a Semana Cultural do IES de Baio cun encontro de improvisación entre Galicia e Portugal. Pero a Semana é moito máis completa, como o corrobora a cita deste venres 22 ás 11:30h. A biblioteca do IES acolle a presentación do disco “Ao Son Delas”.
Un proxecto que leva un ano en marcha (comezaba o curso pasado cunha serie de faladoiros máis que interesantes) e que ten como obxectivo a creación dun proceso innovador de participación da Comunidade Escolar no coñecemento, valoración e práctica da escoita de música en galego como impulso de normalización linguística.
Unha acción que vai máis alá do meramente educativo, pois trátase duna intervención artística coa lingua galega como eixe vertebrador. Un achegamento artístico en clave de muller, cuxas liñas xa están marcadas nas escaleiras do centro, como guía para futuras xeracións.
É unha “experiencia educativa” ideada na asignatura de libre configuración de Centro "Artes Escénicas e Xestión Cultural" en 1º BACH en colaboración co alumnado de “Imaxe e Son” e “Igualdade” de 2º BACH.
Un disco de calidade indiscutible
Guadi Galego, As Tanxugueiras, A Banda da Loba, Habelas Hainas e Ugia Pedreira. Son os nomes das artistas que cederon as súas músicas para este disco inigualable, cun deseño fermoso de Laura Romero e que ademais conta coa inédita e maravillosa presentación regueifada de Lupe e Alba María.
A maiores de traballar a normalización linguística-musical e a igualdade de xénero, con este proxecto tamén queremos facer fincapé na sensibilización do noso alumnado coa xustiza social, posto que as doazóns simbólicas recibidas polos discos serán integramente doados a Lúa Awel “diagnosticada medicamente” con microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia multiquística periventricular severa. (www.nenarostroo.com).
Autocolantes nos buses
Paralelo, unha acción tamén moi impactante é a creación de autocolantes co lema, “Ao Son Delas... Quilómetros de Igualdade”que serán pegados, tras un acordo coas compañías de transporte, nos buses escolares de todo o país.
Tamén se fará entrega dos autocolantes identificativos para a Asociación de Comerciantes Terra de Soneira, que apoia a iniciativa e ao mesmo tempo serve de plataforma para distribuír dito traballo discográfico nos seus comercios.
Enerxía transformadora
A implicación de toda a comunidade escolar gracias á enerxía transformadora do proxecto explica porque foi recoñecido como 1º premio á excelencia na convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no curso 2018/2019.
Máis citas da Semana Cultural
O sábado 23 celebrarase IV Foliada Solidaria e I Encontro “Ao Son do Rural”, ás 19:00h na aula do Auditorio de Baio, dando paso ás 21:00 á “IV Foliada Solidaria”. Unha cita organizada polo Alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural, Imaxe e Son e Igualdade, coa colaboración da ANPA, Concello de Zas, A.C. Adro, A.C. Badius.
O luns 25 seguen as actividades coa Intervención Teatral do Alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural e Igualdade nos corredores e espazos abertos do Centro durante os recreos. Ademais haberá a presentación da man do alumnado de Imaxe e Son da curta “Bágoas de Resío”.
O martes 26 rematan as actividades coa actuación de Teatro “It Girl”, ás 12:45h no Auditorio de Baio, Organiza Asociación de Anpas da Costa da Morte.
Novas relacionadas
Máis novas
- Febreiro 19: O alumnado de Baio recupera a "aldea”.
- #nenunhamenos: A comunidade educativa alza a voz contra a violencia machista.
- Os graffitis tamén toman Baio.
- A Robótica invade o IES de Baio.
- Febreiro 18: A Costa da Morte, epicentro do relevo xeracional da regueifa, esa inmensa arma de construción masiva”.
- Así comeza o legado do agrhú.
- Elas que convirten a tradición en modernidade.
- Baio móvese ao son delas.