A FEGAMP comprométese a analizar a política de abandono do rural de Abanca
Non paran os Concellos de Vimianzo e Zas, xunto co da Baña, de mobilizarse contra o peche das súas sucursais de Abanca. Se hoxe venres hai convocada unha concentración en Baíñas, os rexedores xa comezaron a serie de medidas anunciadas a semana pasada.
Unha delas era mobilizar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e onte xa celebraron a primeira reunión co seu presidente. Alberto Varela comprometeuse a radiografiar o abandono do rural por parte de Abanca neste último ano.
Entenden o peche, previsto para o 8 de setembro e que afecta directamente a unhas 10.000 persoas, como un total abandono do rural, unha idea que comparte unha FEGAMP preocupada porque “esta política financieira de peches e recortes horarios poida provoca dificultades na veciñanza para acceder a un servizo esencial, ademais de influír negativamente no futuro das localidaes”.
Compromteuse así a facer un mapa da situación actual e unha retrospectiva do último ano, “xa que nos últimos meses os avisos de peche estanse a intensificar e producir de forma súbita sen ningún tipo de consenso cos consistorios”.
Ao remate da reunión, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo remarcar “que non é unha problemática exclusiva aos nosos municipios, senón que afecta a toda a comunidade galega. Son moitas as persoas afectadas e non podemos permitir que a situación siga adiante. Temos que conxuntarnos para reverter a situación”, declarou.
Pola súa banda, Manuel Muíño, alcalde de Zas, sinalou que unha vez que saibamos cantos concellos hai afectados por estes peches coñeceremos a magnitude deste problema que afecta a toda Galicia. “Hai miles de galegos e galegas afectadas por esta folla de ruta que seguro que non se detén aquí, senón que entre os plans de Abanca está seguir pechando entidades e diminuir así os servizos que se lle prestan á veciñanza”, indicou Muíño.
NOVAS RELACIONADAS
- 17-08-2021: Vimianzo convoca unha nova concentración contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas.
- 16-08-21: Adiante Vimianzo tamén pide o compromiso do pleno contra o peche da sucurcal de Abanca en Baíñas
- 14-08-21: Os Concellos de Vimianzo e Zas unen forzas contra o peche das sucursais de Abanca.
- 12-08-2021: A veciñanza de Baíñas concentrouse contra o peche da sucursal de Abanca.
- 12-08-2021: Zas mobilízase contra o peche da oficina de Abanca.
- 04-08-2020: Lamentan o peche da oficina de Abanca en Dumbría.
- Cousas que existían pero que descubrimos coa pandemia: Os bancos, tal como os coñecemos, camiño de ser un recordo.