Sábado. 20.07.2019
El tiempo

Guadi Galego abre o ciclo de encontros con mulleres relevantes que pon en marcha o alumnado do IES de Baio

Guadi Galego abre o ciclo de encontros con mulleres relevantes que pon en marcha o alumnado do IES de Baio
guadi-galego-ies-baio Guadi Galego visita o próximo luns o IES Maximino Romero de Lema dentro do proxecto "Feminino Plural" "Feminino Plural" é o nome do novo proxecto no que traballan un pequeno (e activo) grupo de alumnos e alumnas da asignatura Artes Escénicas e Xestión Cultural que se imparte no IES Maximino Romero de Lema de Baio. Desta mesma materia naceron grandes traballos tales como unha fake new que o ano pasado tomou altas dimensións grazas á colaboración de Que Pasa na Costa. O novo proxecto, que se basa nun ciclo de encontros con mulleres relevantes da zona e da cultura galega, arranca o próximo luns día 22 de xaneiro. E comeza forte... Para esta primeira ocasión contarán coa presenza de María Lista; unha percebeira de Corme, e Guadi Galego, unha recoñecida artista dentro da música galega e que imparte clases de música en Cedeira. O nexo en común destas dúas mulleres - que, segundo sinalan os estudantes, non se coñecen entre sí - é a súa paixón polo mar. "Unha con salitre atlántico e outra con salseiro do cantábrico", sinalan. A idea de conxugar a enerxía destas dúas mulleres é tentar facer chegar ao alumnado a paixón que desprenden pola vida e polas súas profesións. O encontro comezará cun xantar na cafetería do instituto co alumnado que organiza o acto - Voluntariado da Revista, alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural e alumnado de Imaxe e Son - e as convidadas. Despois de coñecerse un pouco máis entre eles, trasladaranse á sala de Usos Múltiples onde ás 16:30 horas comezará o faladoiro. E de aí ao peche da xornada do que se encargará Guadi Galego e a súa banda formada por Guillerme Fernández, Isaac Palacín, Paco Charlín e Carlos Abal que ofrecerán un concerto.   Sés, A Banda da Lova, Alba María e Lupe Branco serán outras das mulleres que visitarán o centro educativo baiés co gallo deste proxecto. Como nace o proxecto? O Proxecto “Feminino Plural” nace da inquedanza dun grupo de docentes que traballan na Comisión de Cultura e no ENDL do Centro. Ten como obxectivo a creación dun proceso innovador de participación da comunidade escolar no coñecemento, valoración e prática do feminismo como impulso de transformación social. "O obxectivo fundamental que intentamos acadar con este Proxecto Educativo é conseguir formar persoas libres, con sentido crítico e de participación social", sinalan dende o IES de Baio. "Feminino Plural” non é simplemente unha sucesión de actividades continuadas. É un proxecto planificado con bases metodolóxicas nas dinámicas dos movimentos sociais, especialmente do feminismo, da pedagoxía social, da psicoloxía social, da xestión cultural ou da animación sociocultural. Así que este proceso comeza nas aulas e é aí onde (coa implicación importantísima das familias, alunado e profesorado) comeza a crecer a vontade de crear dende o feminismo unha nova forma de ser, facer e pensar. Novas relacionadas Fonte

Comentarios