Mércores. 06.11.2024
El tiempo

Os IES de Baio e Ponteceso acolleron sendas charlas sobre ciencia e violencia de xénero

Charla Montse Fajardo no iES de Baio
O alumnado do IES de Baio con Monste Fajardo
Os IES de Baio e Ponteceso acolleron sendas charlas sobre ciencia e violencia de xénero

Continúan os centros de ensino aprendendo fóra do guión con interesantes visitas. Desta volta os institutos de Ponteceso e Baio acolleron charlas sobre igualdade e ciencia.

Ciencia en Ponteceso

Charla de Ciencia no IES Ponteceso

O Club de Ciencia do IES Eduardo Pondal de Ponteceso organizou unha charla a cargo a cargo de Verónica Villa Ortega, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. A actividades versou sobre o fascinante mundo das ondas gravitacionais e rematou cun turno de preguntas no que os buratos negros e os misterios do Universo foron protagonistas.
A colaboración entre os centros punteiros de investigación e os centros educativos permitirá aos nosos alumnos unha maior comprensión da actividade científica fomentando as vocacións científicas.

Igualdade en Baio

O IES Maximino Romero de Lema tivo a sorte de contar onte cunha visita moi especial, a da escritora Montse Fajardo, que intercambiou reflexións arredor do seu libro “Invisibles”, que recolle o testemuño de oito vítimas de violencia machista. Un encontro que se encadra dentro dos actos que o centro realizará co gallo do 25 N, Día contra a violencia machista.

Monste Fajardo levou invisibles ao IES de Baio

A autora iniciou o acto emocionada, segundo as súas propias palabras, pola sorpresa da elaboración dunha composición exposta na entrada e que para o alumnado captaba o esencial do libro. Sentiuse conmovida tamén polo recibimento: entrou na sala, baixo o son da canción Matriarcas de Guadi Galego, e todo o alumnado e profesorado acudiu vestido de branco, simbolizando que o maltrato contra a muller é un problema de todos, de homes e mulleres.

Despois da presentación realizada por dúas alumnas, tomou a palabra a autora e foi explicando a orixe do libro e o que supuxo para cada muller revivir cadansúa historia segundo lla ían relatando. Fixo un percorrido polas diferentes realidades das protagonistas subliñando aspectos particulares así como o que as une: a dor das vítimas, que na maioría dos casos non son conscientes de selo, das consecuencias nos seus familiares, especialmente nos fillos e fillas; o papel da sociedade que non dá a resposta agardada; os propios corpos de seguridade que non sempre oen as chamadas de socorro…
A escritora insistiu na afirmación de que non hai un perfil de vítima, de que a invisibilidade afecta tanto ás afectadas coma aos maltratadores.

O alumnado interviu formulándolle cuestións e reflexións que lle suscitara a lectura do libro. Finalmente, o acto rematou cunha foto de grupo e sinaturas de exemplares. Houbo mesmo ocasión para algunha consideración emocionada dalgunha alumna debido ás situacións relatadas.

O centro agradece ao Concello de Zas a xenerosidade na realización deste acto, co que se inician os actos previstos no centro para a conmemoración do 25 de novembro.

Comentarios