mércores. 04.06.2025
El tiempo

O liño como revulsivo socioeconómico

Artesania do Lino en Zas
O liño como revulsivo socioeconómico

Acolleu este sábado Zas unha interesante xornada de reflexión para intentar atopar un futuro viable para o liño. O simposio tiña por título "O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras: estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte", onde se puxo o foco na posibilidade de recuperar a industria téxtil tradicional do liño nesa zona e darlle un novo impulso socioeconómico.

Na xornada, que estivo organizada polo Consello da Cultura Galega e polo Concello de Zas, participou a artesá Carmen Rivero, titular do obradoiro Liño de Galicia, pertencente á marca Artesanía de Galicia; tecedeira, divulgadora e unha das principais promotoras da recuperación do cultivo e da artesanía do liño na comunidade galega, méritos que a levaron a recibir o Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2022.  

Carmen Riveiro na Xornada artesania do lino en Zas
Carmen Riveiro

Carmen Riveiro foi unha das promotoras da Asociación Amigos do Liño no ano 1993, que desenvolve un importante labor de recuperación da tradición vinculada á artesanía téxtil do liño, da que Galicia foi potencia entre finais do século XVII e principios do XIX.

Ademais da mesa redonda na que participou, na xornada falouse sobre a xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación, o pasado e futuro do liño ou da importancia do emprendemento como elemento transformador no rural galego. 

Xornada artesania do lino en Zas 2

Este simposio pretende sondar se sobre esta industria téxtil tradicional é posible comezar unha estratexia de impulso socioeconómico na Costa da Morte, partindo desa reintrodución do cultivo do liño e identificando e fomentando oportunidades de valor económico e social mediante un programa de formación, emprendemento e aceleración de proxectos.

Esta estratexia comportaría un esforzo integral para revitalizar as comarcas da Costa da Morte e estaría baseada na especialización intelixente e as iniciativas emprendedoras transformadoras, combinando a análise de mercado, a formación e a incubación de empresas sostibles. O proxecto aspiraría a asegurar un impacto positivo e duradeiro na economía e o tecido social de toda a bisbarra.

Xornada artesania do lino en Zas
O voceiro do PP de Cee e vicepresidente do Cluster de Turismo Jesús Picallo; a responsable da Galería Stoupa Begoña Fdez.: a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a ADL de Vimianzo Rosa Sánchez

 

Comentarios