Sábado. 20.04.2024
El tiempo

María Canosa animou a darlle oportunidades aos libros ao alumnado do IES de Baio

Maria Canosa no IES de Baio
María Canosa animou a darlle oportunidades aos libros ao alumnado do IES de Baio

Segue o Mes do Libro do IES de Baio sendo un auténtico fervedoiro cultural. Este pasado venres foi María Canosa a que se achegou ao centro para compartir co alumnado de 1º ESO unha charla sobre Saínza, a Punkiereteira, un álbum ilustrado escrito por ela e con ilustracións a toda cor de Cristian F. Caruncho.

Despois da presentación da autora por parte de dous alumnos, Adrián e Leticia, tomou a palabra a autora e comezou dando as grazas: polo simple feito de ler, xa que esta acción supón un esforzo, sobre todo hoxe cando hai tantos entretementos que non o esixen. Animou a que non deixen de darlles oportunidades aos libros.

Nunca pensou en dedicarse a ser escritora: como súa nai -Concha Blanco- escribía, ela tamén o facía de forma natural, porque lle gustaba moito, cando se aburría....era un divertimento máis. Aínda no caso de que ninguén a lese, ela seguiría escribindo porque lle fai reflexionar sobre si mesma e sobre o que lle preocupa. Recoñeceu tamén que non escribe do mesmo xeito cando o fai para os lectores como cando o fai para si mesma: hai un sacrificio en intentar contar algo a alguén que non coñece nada dunha historia e en quen hai que espertar o seu interese.

Maria Canosa no IES de Baio 2

O alumnado foi preguntando polos seus 52 libros publicados (sen contar participacións nin libros con outros autores e contando o que está a piques de saír - Teño un volcán dentro- V Premio Carlos Mosteiro). Que segue escribindo a man, e que antes de comezar a escribir xa ten toda a historia na cabeza; que prefire que pasen meses para corrixirse a si mesma un escrito, para poder cambiar o punto de vista de escritora a lectora.

Sobre os libros que lle gustaron moito destacou: Berta, de Concha Blanco, que a impactou, ou Cousas de Castelao, un clásico atemporal que sempre está a ler. O último libro que leu foi o derradeiro de Almudena Grandes, que lle encantou e está desexando ler A Muller Xabaril de Fina Casalderrey.

Explicou cal foi o xérmolo de Saínza, a Punkiereteira, do que tivo claro, desde que descubriu a ilustración que a inspirou, que a protagonista tiña que ser afouta, decidida, feminista, amante do rural e moi respectuosa cos maiores -como se reflicte na obra na relación que mantén Saínza coa súa avoa.

Comentarios