Marta Villar levou ao Detective Ferruchi ao Club de Lectura Baiolendo

Marta Villar no Club de Lectura Baiolendo

Se foi nada menos que Rosa Aneiros a que visitaba a semana pasada o Club de Lectura Arao Adultos do IES Pedra da Aguia, demostrando a calidade dos Clubs da comarca, este luns ratifica esa idea a visita de Marta Villar ao Club de Lectura Baiolendo, o club de adultos do IES Maximino Romero de Lema de Baio.

A autora malpicá compartiu a súa última publicación Detective Ferruchi, gañadora do Premio Xerais de Novela 2024. Para os membros do club foi unha excelente oportunidade de coñecer a xornalista e escritora que se amosou moi divertida e locuaz.

Como afirmou a autora na novela pártese dun crime e utilízase a investigación do mesmo para tratar moitos temas de actualidade social, denunciando e reivindicando. Na xuntanza só deu tempo a conversar sobre algúns deles como a defensa de colectivos minoritarios; as mulleres que nos anos 80 e 90 traballaron nas cooperativas téxtiles en Galicia, cuxo traballo foi fundamental para levantar o imperio de Inditex; a emigración de pais que deixan aos fillos ao coidado dos avós; a experiencia e sabedoría dos maiores, o maltrato de xénero e a liberdade da muller para poder escoller o seu destino, o proceso de menopausa…

Riron coas ocorrencias dalgúns dos personaxes desta novela coral, moitos inventados, pero outros inspirados en persoas reais. Comentaron o rápido ritmo narrativo que atrapa ao lector de principio á fin e, os toques de humor e ironía que impregnan toda a trama desta novela moi galega.

En definitiva, foi unha sesión literaria moi intensa na que unha vez máis os a vintena de participantes medraron como lectores grazas ás reflexións e ás explicacións de Marta Villar, así como polos comentarios do resto dos membros dos club.

Máis novas