Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Marta Villar: “A literatura infantil adoita ser demasiado pedagóxica; creo que tamén ten que ter algo de caca, peido, cú, pis”

  • A xornalista malpicá Marta Villar presenta o seu primeiro libro infantil en Cances
A xornalista de malpica Marta Villar con Sultan
A xornalista de malpicá Marta Villar con Sultán, o protagonista do libro
Marta Villar: “A literatura infantil adoita ser demasiado pedagóxica; creo que tamén ten que ter algo de caca, peido, cú, pis”

A Asociación Sancampio de Cances non quere que pasen as Letras Galegas sen unha celebración especial. E para iso convenceron á xornalista e escritora de Leiloio, Malpica, Marta Villar (seu ai é de Vilanova de Cances) para presentar o seu libro infantil ”Os peidos maxicos de Sultan” [Ed. Xerais].

O ano pasado xa lanzou a súa primeira novela ”Non temerás os coches amarelos”, tamén de Xerais. Un libro con numerosas referencias de Carballo, Malpica… que nace da súa necesidade de contar esas cousas que non se adoitan contar no día a día dun xornal como La Opinión da Coruña.

”Son da última xeración que creceu na terra, que foi esfollar, que foi ás patacas… e quería contar cousas que me contaba a miña avoa, de como se traballaba na agra, no wolfram do Monte Neme…”

De aí, nos poucos ratos que lle deixa a labor xornalística animouse a seguir escribindo, “pero fixen un cambio de rexistro, dunha novela máis crúa, pasei á literatura infantil, porque quería algo máis alegre, máis tranquilo”. Marta recolle neste libro as súas historias de infancia. “Eu crieime na aldea, cun can que se chamaba Sultán, e case que sentíamos xuntos. Ese contacto cos animais queda para sempre marcado, e quería facerlle unha homenaxe a Sultán e a todos os meus cans”.

O libro, deste xeito, “está baseado en feitos reais, e conto unha marea de aventuras que tiven con Sultán, o noso mastín leonés, que é un osiño pequeno para nós, pero digamos que para os de fóra podería ser demasiado protector… Non acabamos no cárcere de milagre”, conta entre risas mentres lembra a rabia que lle tiña aos ciclistas.

Marta Villar con Sultan

”Eu vexo moita literatura infantil, pero creo adoita ser demasiado pedagóxica, didáctica… sempre ten que promover valores… Pero considero que a certas idades os nenos teñen que divertirse. Este libro ten valores, por exemplo, a outra figura protagonista do libro é Sil, que non se sabe se é neno o nena, pero ten moita risa, moita caca, peido, cú, pis, como eses peidos brutais, que te fan marear, e tamén lle damos a volta e pasan cousas máxicas”.

Non esquece outros valores o libro como “a importancia é a amizade que se forma entre Sil e Sultán, e como un se axuda ao outro cos seus problemas, lanzando a mensaxe de que cando hai un problema, non os debes calar, e tes que buscas unha pesoa de confianza e contalo”.

Un libro catalogado para ler a partir dos 9 anos, pero xa dende os 7 cre que pode ser de fácil lectura, e tamén preparado para que o lean as familias, que verá a luz en Cances, despois da presentación divertídisima, com máquina de peidos e todo, na libraría Nóbel de Carballo a pasada semana.

Presentacion Libro Marta Villar en Cances

Comentarios