Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Nadal chega a Zas cargado de música, teatro, humor, obradoiros e moita maxia

cartel nadal 2019 zas portada
O Nadal chega a Zas cargado de música, teatro, humor, obradoiros e moita maxia

Teatro, música, monólogos, obradoiros e xogos, un gran xantar e a visita do apalpador e dos Reis Magos son algúns dos pratos fortes do programa de Nadal organizado polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e en colaboración con distintas asociacións e cos centros educativos do noso municipio. Na programación inclúense actividades para todos os públicos ainda que os nenos e as nenas serán os principais protagonistas do Nadal. As actuacións repártense por distintas ubicacións do noso municipio e algunhas delas realizaranse nos propios centros educativos do municipio dentro do horario escolar co fin de que todos os nenos e nenas do noso concello desfruten do mellor Nadal posible.

A programación arrancou xa o pasado martes coa sesión de contacontos infantil “Querémola Paz” que nos ofreceron os ratiños Lonxedetodo, de Trinke Trinke Teatro, na Biblioteca Municipal de Zas. O espectáculo volve o día 17 ás 18:00 horas á Axencia de Lectura de Baio.

O día 13 de decembro, a programación trasládase ao CPI de Zas e ao CEIP Labarta Pose co espectáculo de títeres “Que é o que máis desexan as mulleres?”, que nos traerá a compañía Títeres Cachirulo. E xa o sábado, día 14, chegan as primeira das actividades dirixiridas ao público adulto. A primeira delas é o XVI Memorial Pepe Valiña que terá lugar a partir das 20:00 horas na Igrexa nova de Baio e no que actuarán o Coro xoves da ESMU Pepe Valiña, o coro Tanxedoira da Coruña, a coral de Padrón e a coral Xan Mella de Baio. Tamén o día 14, ás 21:00 horas, Talía Teatro que interpretará no Auditorio do Concello a súa obra de teatro “Vida de Cans”; unha comedia que fala da historia de tres cans Nemo, Nolo e Lupo. Ao día seguinte, o 15 de decembro, a ANPA Labarta Pose de Baio organiza un Gran Xantar de Nadal no pavillón municipal da vila que comezará ás 14:00 horas e no que non faltará a música nin a animación para os máis pequenos. Os/as interesados/as en participar poden informarse no 649 25 58 27.

Dentro da programación de Nadal non pode faltar a visita do Apalpador que nesta ocasión recibirémolo o día 16 de decembro ás 10:00 horas no CPI de Zas e, un pouco máis tarde, ás 12:30 horas no CEIP Labarta Pose. As funcións escolares continuarán o día 18 de decembro co “Concerto Fusión” de Píscore.

cartel nadal 2019 zas

Progamación para adultos

Ademais da obra de teatro do día 14 e do Gran Xantar de Nadal do día 15, a programación de Nadal artellada polo Concello de Zas inclúe máis propostas para o público adulto. O día 21 de decembro, o Auditorio de Baio acolle ás 21:00 horas “Falar sen cancelas”, un espectáculo de Culturactiva.

Xa o día 28 de decembro, as risas están aseguradas no Auditorio de Baio e chegarán da man dos actores e actrices de Badius Teatro que estrearán ás 21:00 horas a súa obra “A Peregrinaxe”. Tamén o Auditorio de Baio acollerá o día 4 de xaneiro ás 21:00 horas o monólogo “Eu non digo nada” de Cándido Pazó.

Obradoiros infantís

Na programación de Nadal tamén se contempla a conciliación laboral e familiar das familias do noso municipio. Para iso, o Concello de Zas poñerá en marcha os tradicionais obradoiros e xogos de Nadal que se impartirán durante as vacacións escolares e que están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos.

A primeira quenda será os días 23, 26 e 27 de decembro entre as 16:00 e as 19:00 horas no Centro Sociocultural de Baio. Xa os días 30 de decembro, e 2 e 3 de xaneiro as actividades trasládanse ao Centro Sociocultural de Zas e desenvolveranse entre as 10:00 e as 13:00 horas. Para participar nestes obradoiros é necesario anotarse previamente chamando ao 981 718 056 ou 981 751 398 ou nos propios Centros Socioculturais de Baio ou de Zas.

PanxoliñaZas

Outra das actividades que se inclúen na programación de Nadal de Zas por quinto ano consecutivo é o concurso PanxoliñaZas” no que se repartirán 400 euros en premios. No certame, que persegue fomentar o uso da lingua e das novas tecnoloxías así como de manter as tradicións, pode participar calquera veciña ou veciño do concello independentemente da súa idade. Para participar tan só ten que enviar un vídeo, realizado tanto de forma individual coma en grupo, cantando en galego unha panxoliña ou un canto de Aninovo que poden ser tradicionais ou de creación propia.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 14 de decembro. Haberá premios para o vídeo máis popular en Facebook, á mellor presentación, ao que conte con máis fidelidade á tradición da nosa zona e ao mellor vídeo infantil. En total outorgaranse catro premios de 100€ cada un xunto cun diploma acreditativo.

Cabalgata de Reis

E a maxia do Nadal percorrerá o noso concello o 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, acompañados dun gran séquito de paxes, que visitan as nosas parroquias ao longo de todo o día. As carrozas partirán ás 10:00 horas de Andregalla para dende alí emprender unha viaxe por todas as parroquias do Concello de Zas.

Ademais de moita ilusión, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán ducias de caramelos entre os nosos veciños e veciñas. Tamén terán tempo para falar con eles e para entregarlle as cartas nas recepcións reais que realizarán despois do percorrido no pavillón municipal de Baio e no Centro Sociocultural de Zas.  Alí estarán acompañados de cadansúa actuación infantil.

Baile para maiores

No programa deste Nadal en Zas tamén un espazo especial os nosos maiores. Para eles haberá actuacións especiais durante os sábados do Nadal no Centro Sociocultural de Zas. Alí poderán bailar e divertirse coas actuacións de Ruth Cundíns (7 de decembro), Rocío Pérez (14 de decembro), Dúo D’Café (21 de decembro) e Trío Karma (28 de decembro).  

Comentarios