venres. 24.01.2025
El tiempo

Novo premio nacional para o alumnado do IES de Baio

Alumnado iES de Baio
Novo premio nacional para o alumnado do IES de Baio

Novo premio para o IES Maximino Romero de Lema. O alumnado de 3º de ESO (Alfonso, Ángela, Sara, Sabela, Manuel, Leticia, Nuria, Olalla, Joel, Artsiom) veñen de ser recoñecidos recentemente como gañadores do concurso nacional “Unha Constitución para todos”, organizado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. O proxecto, titulado "A Constitución: unha ferramenta útil para todos", destacou pola súa creatividade e o uso de tecnoloxías innovadoras na materia de Educación Dixital, coordinados polo profesorado Óscar Rey e Fina Paulos.

Este traballo combinou historia, ética e tecnoloxía para dar vida a grandes figuras da nosa tradición democrática como Rafael Altamira, Clara Campoamor, Victoria Kent, Pablo Iglesias, Concepción Arenal, Francisco de Vitoria e Miguel de Cervantes. O alumnado asociou estas personalidades con artigos da Constitución Española, contextualizando os seus valores e mensaxes coa actualidade.

O proxecto incluíu a creación de Deep Stories mediante intelixencia artificial, empregada para recrear as voces e discursos das figuras históricas, cunha narración complementada pola radio do centro. Desta forma, afondouse na idea dunha IA ao servizo da educación e dos valores éticos, promovendo un uso responsable e innovador desta tecnoloxía.

O premio, que recoñece a excelencia educativa, inclúe material tecnolóxico para o centro e supón un impulso para continuar traballando na formación integral do alumnado. Desde o IES Maximino Romero de Lema sublíñase o compromiso coa igualdade, a ética e o desenvolvemento de competencias dixitais no marco dunha educación de calidade.

Este galardón confirma a relevancia de proxectos educativos que, ademais de valorar a nosa Constitución como pilar fundamental da sociedade, fomentan o espírito crítico e o uso responsable das ferramentas tecnolóxicas.

Máis novas

Comentarios