Os Premios Fouciño levan o cine ao Punto Rojo de Baio
A Asociación Cultural Premios Fouciño e o Concello de Zas anuncian a convocatoria dun obradoiro infantil de cine itinerante coincidindo coa celebración do Punto Rojo de Baio. O curso terá lugar o sábado 24 de agosto e consistirá en dúas sesións, de 10h a 13h e de 16h a 20h.
A inscrición é gratuíta, o número de prazas é 15 e está dirixido a idades desde os 8 aos 12 anos. Para reservar praza hai que chamar aos teléfonos dos centros sociais do Concello de Zas.
O obxectivo do obradoiro é crear unha curtametraxe de animación coa técnica 'stop motion'. Na primeira sesión, o alumnado creará a historia e as personaxes. A segunda sesión será para a gravación, que se realizará nos catro pazos do concello de Zas (Torres do Allo, Romelle, Follente e As Edreiras), escenarios naturais de valor histórico e patrimonial.
A curtametraxe resultante do obradoiro será proxectada nos Premios Fouciño o sábado 2 de novembro. O festival baiés vén de anunciar a súa programación completa, que inclúe catro días de cine e música. Pódese consultar en https://premiosfoucino.concellodezas.org/