Os Ratos de Lonxedetodo volven ás bibliotecas municipais do Concello de Zas
Despois das vacacións de verán, os queridos Ratiños de Lonxedetodo xa están de volta por Zas. O próximo mes de novembro arranca o programa “Ratos nas Bibliotecas” (da compañía Trinke Trinke) organizado polo Concello de Zas, a través do seu departamento de cultura, e que ten como finalidade animar aos máis pequenos da casa a adentrarse no fascinante mundo da lectura. “A través deste programa, que leva varios anos en marcha, fomentamos a lectura entre os máis novos dun xeito divertido e vemos como ano tras ano son máis as familias que asisten a estes espectáculos”; sinala Manuel Muíño, Alcalde de Zas.
Ao longo dos próximos meses haberá un total de 14 funcións; dúas de cada un dos espectáculos, que se celebrarán os luns na Axencia de Lectura de Baio e os martes na Biblioteca Municipal de Zas.
En ambos casos, a función comeza ás 18:00 horas e a entrada é de balde. Este é o calendario:
- 13 e 14 de novembro: “A noite”
- 18 e 19 de decembro: “Cueiros de cores”
- 15 e 16 de Xaneiro: “Riciños de ouro”
- 26 e 27 de febreiro: “Querémola paz!”
- 25 e 26 de marzo: “Os sete chiviños e o lobo”
- 22 e 23 de abril: “De onde veñen os bebés?”
- 13 e 14 de maio: “Fábulas”
“O coelliño branco”, nas bibliotecas escolares
Con motivo da conmemoración do Mes Internacional da Biblioteca Escolar, este venres a ratiña Lilí Gruyère levará o espectáculo de “O coelliño branco” a biblioteca do CPI de Zas (10:00 horas) e a biblioteca do CEIP Labarta Pose (13:00 horas).
Esta tamén é unha actividade organizada polo Concello de Zas coa colaboración de ambos centros de ensino.