As rutas astronómicas, toda unha experiencia viva na Costa da Morte

Álvaro de Elías dando a sorpresa final na ruta da Arca da Piosa

En paralelo á consecución do selo como Destino Starlight e á creación da Asociación de Profesionais do Astroturismo da Costa da morte, os Concellos da bisbarra estanse poñendo as pilas para poñer en valor a riqueza do noso escuro e brillante ceo. Concellos como Cabana, Vimianzo, Carballo ou Zas están a desenvolver o que pode ser un recurso turístico e patrimonial moi importante sobre todo para as zonas da interior da comarca.

Se a Ruta das Estrelas de Dombate é unha das citas máis asentadas, pero a cita da Arca da Piosa, organizada polo Concello de Zas, ten visos de converterse en referente. Así o comprobaron máis de 120 persoas que se quixeron achegar na noite deste pasado luns ata o senlleiro e imponente dolmen zaseiro, un dos miradoiros destacados polo selo turístico. A súa disposición xeográfica, en altura pero rodeado de montes máis altos que evitan a contaminación lumínica de lugares como Zas ou Vimianzo, fan deste enclave un lugar ideal para esta clase de xornadas,.

Se ademais, como mestre de cerimonias a sesión conta cun divulgador como Jorge Mira, a cousa xa é perfecta.

De camiño á Arca da Piosa

A quedada foi no lugar de Roma, dende onde partía a peregrinación de 2km ata o dolmen. Armados con lanternas e mantas, e escoltados por Protección Civil e o alcalde Lolo Muíño e o concelleiro José Brenlla, as xentes da comarca, pero tamén da zona, foron tumbándose arredor da Arca da Piosa, onde os toxos rasurados facían un colchón máis que amable para poder albiscar preto de 2.000 estrelas .

Silueta de Jorge Mira nas Noite astronómica na Arca da Piosa

Cunha noite espectacular, e cos móbiles apagados, o físico baiés tomaba o mando de operacións e comezaba a debullar as principais constelacións que se ven no noso firmamento. Da osa maior á menor, pasando a través da vía láctea por Casiopea, Virgo ou Escorpio.
Pero a charla, de case unha hora (cun altofalante que permitía escoitar perfectamente) foi moito máis alá. Mira foi explicando como nacen a estrellas, como se forman os buratos negros, e foi facendo prácticas comparacións entre as distancias que hai entre planetas, estrellas e galaxias. Acabou mesmo falando da cuarta dimensión…

A sorpresa final

Pero a xornada tivo un peche especial. Muíño “prendeu” luz á Arca, e deu paso á visita dun dos nosos antergos, que lanzou un pequeno discurso sobre o coidado e respecto do noso patrimonio cultural e natural.

Con texto de Tania Carreira e representación de Álvaro de Elias, a pequena actuación serviu de peche ideal para unha xornada que invita a comarca a seguir ampliando o seu idilio co marabilloso ceo que temos.

A máxica Arca da Piosa

Máis novas

 

Outras novas astronómicas