Xoves. 04.06.2020
El tiempo

Un domingo cheo de citas culturais

Un domingo cheo de citas culturais
Cargadiño vén o día de hoxe de citas culturais, polo que esta tarde os veciños da bisbarra non teñen motivos para o aburrimento. Cóntannos dende a Asociación Ambiental Senda Nova que O Apalpador baixará esta tarde dende os montes do Pico de Meda (Zas) ata o local social da Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira. A cita será a partires das 17 horas polo que para tal acontecemento, os veciños de Carreira agardaráno con xogos, proxeccións, teatro e moitas máis sorpresas. Teatro en Baio E como todos os anos, o grupo de teatro Badius de Baio ten a súa cita cos veciños da vila. Nesta ocasión, estrearán a obra Frankenstein no Auditorio situado no pavillón deportivo e será a partires das 20:00 horas. Exposición no Faro de Cabo Vilán Continúa aberta a exposición Mar e Madeira no Vilán situada na sala de exposición do Faro de Cabo Vilán. O artista Antón Sobral mostra unha serie de óleos sobre lenzo onde reflicte a súa visión particular do mar. Pola súa banda, Enrique Tenreiro, fiel á madeira, expón algunhas das súas esculturas policromadas e grabados feitos con tallas de madeira. O grilo Míllelo, en Malpica Hoxe tamén se presenta en Malpica O grilo Míllelo, unha narración infantil dirixida aos primeiros lectores. A cita terá lugar no Salón de Actos da Casa do Pescador de Malpica ás 19 horas. No acto, ofrecerase unha representación teatral baseada nesta narración a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do concello. Xosé Tomás, ilustrador do libro, debuxará en directo e agasallará a algún dos asistentes coas súas ilustración. Intervirán tamén Xosé Manuel Varela, Icía Varela Gómez e Suso Moreira; autores do libro. A cita, á que tamén asistirá o alcalde malpicán, estará dirixida por Miguel Toval, de Edicións Embora e pecharase coa actuación d'A Banda do Grilo.

comentarios